Os XIII Martín Códax da Música premian ao dúo canario-camabadés Lula Mora
Coroáronse na categoría de Artista Emerxente, sendo a única proposta arousana en alzarse cun dos 20 premios

Os Premios Martín Códax da Música entregaron onte, nunha gala co talento galego como protagonista, os galardóns da súa décimo terceira edición, que coronaron ao dúo Lula Mora na categoría de Artista Emerxente. Un proxecto, conformado pola cambadesa Sara Caride e a tinerfeña Silvia Izquierdo, que combina música e poesía nunha proposta que tende pontes entre estes dous territorios. A súa música parte da canción de autora e incorpora influencias do indie, o folk e a música de raíz, cun proxecto que este ano publicou o seu primeiro traballo discográfico, ‘Hogar’. Un dueto coñecido en Cambados, onde chegaron a actuar, por exemplo, la Festa do Albariño en 2023.
O seu proxecto é un dos vinte que onte resultaron recoñecidos na gala dos Premios Martín Códax, celebrada no pazo de Cultura de Pontevedra. A primeira categoría musical en darse a coñecer foi a de Rock coa banda viguesa Stoned at Pompeii, quen xa conta cunha traxectoria recoñecida no panorama nacional. No apartado de Blues, Funk e Soul foi premiada Allo Negro, composta pola mestura de músicos de blues con ampla traxectoria e novos talentos.
A continuación, deuse o galardón de Electrónica a Galician Army, que leva anos destacando en festivais de referencia e contan con colaboracións de éxito cos grupos galegos do momento. Keepers foi a banda de Ferrolterra premiada na categoría de Metal, recoñecendo así unha proposta nova con ampla proxección dentro da escena galega.
O premio na categoría de Canción de Autor/a foi para Antía Muíño, cun proxecto no que a súa voz íntima dialoga co jazz e o pop entre a tradición e a contemporaneidade. Hugo Guezeta foi premiado no apartado de Músicas Urbanas, recoñecido polo seu traballo en solitario, tralo seu paso no grupo SonDaRúa.
No apartado de Orquestras e Música de Verbena o grupo Lamatumbá foi o encargado de subir ao escenario do Pazo da Cultura, poñendo en manifesto o regreso duns referentes na música da festa. O recoñecemento de Pop e Indie recolleuno Michu da Rocha, o proxecto liderado polo músico vigués Michu Malvar, quen combina o rock n’ roll dos 60 con ritmos moi bailables.
O pianista Xan Campos, co seu recente proxecto “Amorodios” que combina jazz e tradición galega, recolleu o premio en Jazz e Músicas Improvisadas. O actor e músico, Paco Nogueiras, levouse, pola súa parte, o Premio de Música Infantil, sendo recoñecido por segunda vez nesta categoría.
A percusión, as melodías tradicionais e os ritmos electrónicos da artista Lidia India levárona a recoller o recoñecemento a Músicas do Mundo e Mestizaxe, mentres que a compositora e pianista ourensá María Mendoza recibiu o galardón de Música Clásica e Contemporánea.
No apartado de Música Folk, o grupo Abril recolleu o galardón cunha proposta centrada na reinterpretación da música de raíz galega desde unha perspectiva contemporánea. Pola súa banda, Carapaus foi recoñecido na categoría de Música Tradicional, destacando polo seu traballo arredor da música popular galega e das tradicións vinculadas ao patrimonio oral e festivo. Por último, en canto ás categorías musicais, a agrupación de Celanova levouse a categoría de Bandas de Música Popular.
En canto aos Premios Organistrum, Galicia en Concierto recibiu o recoñecemento a Comunicación e Difusión Musical; a Sala Capitol impúxose igualmente á sala cambadesa Krazzy Kray! como Mellor Sala; consolidándose como un dos espazos galegos de referencia para a música en directo; e o Festival Alternativo Millo Verde levou o premio a Mellor Festival.
Los Suaves, premio honorífico
A gala rematou coa entrega do Premio Honorífico a Los Suaves, recoñecendo así a traxectoria dunha das bandas máis emblemáticas do rock galego e estatal, cun percorrido musical que marcou varias xeracións desde a súa creación nos anos oitenta. O premio foi entregado por Xoán Allegue, presidente de Bodegas Martín Códax, xunto coa Xunta Directiva de Músicas ao Vivo.
Con este recoñecemento xa anunciado púxese o punto e final a unha gala que volveu a poñer á música e o talento galego como protagonistas. Unha edición que, ademais, será a última coa xunta directiva de Músicas ao Vivo á cabeza, xa que nos vindeiros meses darase paso a un novo equipo. Así se anunciou nun acto conducido por tere Rodríguez e que tivo as lendas e as supersticións como fío temático, coincidindo co número trece da edición, e así foi representado na posta en escena.










