Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Asociación Mudare

Susana Vales | “Os nenos son os grandes esquecidos desta sociedade da inmediatez”

Naceu no curso 2017-2018 da man de mestres da escola pública de Cambados que, de xeito altruista, comezaron a compartir os seus coñecementos sobre pedagoxía 

Susana Vales é mestra e presidenta de Mudare, asociación pedagóxica que forma a profesionais e familias para que coñezan as necesidades e dereitos da infancia. Algúns deles, di Vales, esquecidos hoxe en día.

A súa asociación loita por mudar a educación, pero cara onde?

Para nós hai unha palabra clave que é rehumanizar a educación. Os nenos e nenas son os grandes esquecidos desta sociedade da inmediatez. A infancia precisa de ritmos lentos, de ser escoitada e acompañada. Ese é o noso obxectivo máximo.

E rehumanizala, como?

Nós temos dúas liñas de traballo: por unha banda organizamos formacións tanto para docentes como para familias, para que coñezan as necesidades da infancia e os seus dereitos, que están moi esquecidos aínda que vivamos en países desenvolvidos. Doutra banda, damos esa información a través dun podcast mensual para que coñezan ese abecé de como acompañar unha criatura.

Cal sería ese abecé?

Os dereitos da infancia son orixinarios dos anos 80 e algúns deles están collidos con pinzas hoxe en día. Por exemplo, o dereito ó xogo. Os nenos teñen tempo a xogo libre? A maioría, non. Pasan as tardes en actividades dirixidas, que son unha medida de conciliación, e teñen un horario súper esixente. É todo bastante irrespetuoso para os ritmos que necesitan.

Como sería a escola ideal para vostedes? Que lle cambiarían?

Faltan profesionais, e non nos referimos só a mestres. Falta quen atenda as dificultades de aprendizaxe que se dan porque non se traballaron cuestións do neurodesenvolvemento dos nenos. E falta informar ás familias destes conceptos, para que vaiamos na mesma dirección. Tamén hai que cambiar a metodoloxía das escolas, para acompañar ós nenos doutro xeito. Que eles sexan os que van construíndo o seu coñecemento mentres os mestres os acompañan. E temos que basearnos nos intereses e nos puntos fortes de cada neno. Hai que saber velos e motivalos cara aí.  

Para quen queira facerse socio de Mudare, cal é a cuota?

Son 36 euros ó ano e o formulario para facerse socio está colgado na nosa páxina web.

Cantos socios teñen?

Moi pouquiños, porque acabamos de abrir a captación de socios. Somos uns 20, pero temos colaboradores moi fieis.

As orixes de Mudare están en Cambados, non si?

Si. Estamos moi agradecidas á primeira directiva de Mudare: Cristina Méndez, Roberto Maquieira... Un grupo de mestres da escola pública que alá polo curso 2017-2018 comezaron a reunirse e compartir, de forma altruista, os seus coñecementos. Todos os xoves daban formación a quen quixese escoitalos e viña xente ata da Coruña. Despois fixérono oficial, crearon a asociación e lembro centos de persoas no colexio de Castrelo os sábados vindo a formarnos, sobre todo en matemáticas, cun referente nacional que é Josep Callís, e coa neurocientífica María Jesús López Juez.

Xa que fala de matemáticas, non sei se ós nenos se lles seguen atragoando...

Integrantes do colectivo nunha imaxe de arquivo
Integrantes do colectivo nunha imaxe de arquivo
| Cedida

Eu fuxín delas porque non as entendía e, agora que me formei, desfruto un montón ensinándoas e é a asignatura favorita de todos. Divírtense porque xogan coas regletas e chegan a concluir leis matemáticas que non deixan de abraiarme.

A asociación ten grupos de traballo por diversas vilas galegas.

Si. O único que perdemos, moi ó noso pesar, foi Vigo. Pero temos en Cambados, na Coruña, Santiago, Ourense... E traballamos en diferentes temáticas: neurodesenvolvemento, motricidade, matemáticas manipulativas, educación emocional...

É necesario que a educación emocional se dea na escola?

Si. É un dos maiores piares, porque cando un neno non está preparado emocionalmente para aprender, non vai aprender. Se o seu cerebro está secuestrado por unha emoción, o córtex prefrontal, que é onde razoamos, desconéctase.

Dise que os nenos cada vez se portan peor e teñen menos capacidade de concentración, de comprensión... A que cre que se debe?

Cada vez é máis difícil ser mestre nesta sociedade tan rápida. Eu creo que non hai nenos malos, nin conflitivos, nin maleducados. É difícil ser neno cando teus pais están tan estresados e todo hai que facelo á carreira. Nós ensinámoslles ós nenos que cara onde poden ir é cara a natureza. Algo tan sinxelo, pero que se está perdendo. Igual é mellor ter menos actividades e pasar unha tarde na natureza coa familia. No último podcast falabamos dos “baños de bosque”, que son o último berro para os nenos, así que deberiamos aproveitalo, sobre todo aquí en Galicia, que somos uns privilexiados.

E que se pode facer coas pantallas, que dunha banda son malas pero doutra son necesarias?

Pódese equilibrar. Estamos vendo moitas dificultades de aprendizaxe e, como di María Jesús López Juez, estamos medicalizándoas. Hai moitas cousas que poderiamos derivar a un profesional antes que a saúde mental. Por exemplo, non estamos deseñados para ver a distancias tan curtas e a sobreexposición ás pantallas ten como consecuencia moitísimas dificultades de visión, de interpretación do que se ve. Hai profesionais que teñen que estar na escola, como os optometristas conductuais.

E no tocante á inclusión de nenos con dificultades, é posible?

Se se destinan os recursos suficientes, si. Empezando polas ratios. Se tes 25 nenos na clase, é imposible chegar a todos.

Cal sería unha ratio ideal?

Para min, cos nenos que vemos hoxe en día, 10 ou 12. Para poder acompañalos ben e ensalzar os seus puntos fortes. É posible e estamos no camiño.