O PP alerta dun “colapso total” dos Servizos Sociais por falta de persoal
O goberno local tacha a denuncia de “cinismo” e asegura que o plantel cumpre coa ratio marcada pola Xunta

O grupo municicipal do Partido Popular de Cambados denuncia o “colapso total” que sufre o departamento de Servizos Sociais do Concello “pola falta de persoal” e de medios técnicos, polo que alerta de que esta situación está a xerar “importantes perxuízos” á poboación, pero que afecta especialmente á máis vulnerable.
A portavoz popular, Sabela Fole, suliña que o seu partido está a recibir nos últimos días moitas queixas de veciños e tamén din que teñen información dos bufetes e do sector xurídico da vila, xa que o procedemento de regularización extraordinaria de persoas migrantes leva aparellada a emisión de informes por parte deste departamento que están a retrasarse ata o punto de que dubidan de que todos os extranxeiros poidan chegar a tempo para beneficiarse desta medida.
En todo caso, destacan, o que revela este fluxo de información é que esta área municipal ten ao persoal “totalmente desbordado” sen que se reforce por parte do Concello, que “leva todo o mandato prometendo máis traballadores, pero que leva tres anos sen facelo efectivo mentres o servizo se segue deteriorando ata extremos inadmisibles”.
Deste xeito, o PP indicou que á elevada demanda de informes de vulnerabilidade no marco desta regularización, hai que engadir problemas, por falta de tempo, para atender os informes requeridos polos xulgados e outras administracións, as demandas diarias dos cambadeses e, agora tamén, destacan os conservadores, a apertura de prazo para a solicitude da tarxeta de alimentos do Programa Básico de Axuda Alimentaria financiado con fondos europeos, que tamén require unha valoración previa deste departamento.
“Estamos ante un atasco burocrático sen saída e de dimensións considerables polo abandono ao que o cuatripartito someteu estes anos a Servizos Sociais. O persoal está desbordado”, manifestou a voceira municipal do PP, Sabela Fole.
Unha nova traballadora social
Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais de Cambados, Regina Núñez, lamenta “o enorme exercicio de cinismo político” do PP local e di que “agora pretende finxir preocupación polas persoas migrantes cando a Xunta é a responsable da infrafinanciación destes servizos nos concellos”.
Regina Núñez asegura que Cambados cumpre plenamente coa ratio de persoal marcada pola Xunta e que, de feito, “somos o municipio da comarca con maior dotación de persoal nos Servizos Sociais dentro do noso rango de poboación”.
Ademais, a concelleira anunciou que o goberno municipal vai crear unha nova praza de traballadora social para reforzar a atención á cidadanía, “a pesar de que iso suporá incrementar o déficit de financiamento que a Xunta mantén co Concello de Cambados”. Tamén considera “especialmente desafortunado” que o PP utilice a regularización de migrantes para intentar facer ruído político.










