Cambados acollerá unha concentración de coches clásicos da marca BMW en Fefiñáns
Será o día 23 e haberá modelos clásicos e de gran cotización

O concelleiro de Enoturismo de Cambados, José Ramón Abal, presentou onte a celebración dunha nova concentración automobilística, neste caso de clásicos da marca BMW, na Praza de Fefiñáns, que sería a terceira no que vai de ano e que terá lugar o vindeiro día 23 de maio. O edil indicou que serán modelos antigos que se cotizan moito como o M-7 ou o M-8 e que, en todo, caso a variedade de vehículos sería ampla. Abal Varela considera que estes eventos contribúen a dinamizar o turismo na vila porque “haberá polo menos trescentas persoas e todas as que veñan a ver a exposición de coches e moitas delas quedarán a durmir aquí”, explica, e engade que “seguro que voltarán noutro momento do ano porque xa ten pasado noutras ocasións”.
Ademais, relata que esta aposta consolida a Cambados como a capital do motor en Galicia, xa que este tipo de concentracións gusta á veciñanza e atrae a moita xente para ver estes modelos antigos.
Este ano xa houbo en Cambados paradas de coches das marcas Ferrari e Audi e agora BMW, activides que “contribúen a dinamizar a economía local e a poñer a Cambados como capital do motor”, insistiu o concelleiro de Enoturismo quen fixo público o seu compromiso para tratar de conseguir máis.










