Sara Parada | “O máis importante para mín é que me faga feliz o meu traballo”
deseñadora de moda de cambados confecciona bolsos que traspasan as fronteiras galegas e nacionais, inspirándose no entorno que a rodea

Como tantos outros proxectos que naceron durante a pandemia, a traxectoria da deseñadora cambadesa, Sara Parada, tivo a súa orixe neste peculiar episodio que marcou o ano 2020. Apenas un mes antes de ser “encerrados”, terminara o grao de Deseño de Moda na escola Mestre Mateo de Santiago de Compostela, e cando se dispoñía a comezar a súa busca dunha oportunidade no mundo laboral, a corentena converteuse no contexto ideal para experimentar no seu fogar e crear unha marca persoal.
Por que comezaches a facer os bolsos?
Ao principio non facía nada na casa, como todos. Pero empeceime a aburrir e tiña a máquina de coser, entón con restos de teas e proxectos sen acabar que tiña da carreira, decidín facer algo. Empecei con roupa, pero non me convencía, o que me levou a poñerme a facer o que máis me gusta: bolsos e complementos.
Xa tiñas idea de crear un negocio?
Para nada. De feito, comecei a coser para regalarlle a miña nai, a algunha veciña, ou a algunha amiga cando puidemos empezar a saír. E a partir do “feedback” que recibín desas persoas, abrín un Instagram para mostrar o meu traballo, sen intención de nada. Aí foi que empezou a contactarme xente por se tiña os bolsos en venta e propúxenme facer un negocio.
En que te inspiras para os deseños?
No meu entorno, porque vivo nunha zona moi natural. Intento un pouco desinfluenciarme das cousas que vexo no teléfono e tirar por algo propio, inspirándome no que me rodea. Agora estamos nun punto que, en canto á moda, está case todo inventado, pero eu sempre intento manter o meu estilo propio.
Como é o proceso de traballo?
Fago os meus deseños e súboos á web, pero hai veces que teño moito traballo e non hai tanta variedade dispoñible. Por iso á xente lle falo do proceso de personalización de bolsos, polo que poden elixir un modelo que lles guste e despois cambiar a cor, tamaño ou calquera outra cousa. Fágoo sen problema e a verdade é que me funciona moi ben. Intento ter bastante variedade de materiais para que a xente poida escoller.
Dedicaste exclusivamente a isto?
Si, si. Hai que confiar no proceso. Eu á xente que vai empeza o seu propio proxecto sempre lles digo que teñen que confiar, porque tanto en ventas como en popularidade, vai haber picos altísimos como baixísimos.
Ti como levas iso?
Houbo tantas veces que o quixen deixar, pero tantas, tantas. Empezar a desconfiar do teu produto, a dubidar de todo... pero despois penso nas cousas boas que me di a xente e volvo a confiar de novo.
Como evolucionaches nestes seis anos?
Ao principio comecei traballando só con teas porque era o que tiña e o que máis usaba no meu día a día. Pero xa cando levaba un tempo coa marca, contactou comigo un deseñador de Nova York e comezamos a colaborar xuntos. Ao principio falamos de traballar con teas e deseños del, e chegamos á idea de poder facer algo con coiro.
Foi aí cando empecei con este tipo de materiais e incluso a namorarme do proceso, porque é totalmente distinto á tea: é máis manual e reláxame moitísimo.
No 2023, tiveches a oportunidade de facer unha colección con Krack...
Foi a raíz dun concurso que fixeron para mulleres emprendedoras, que ao final gañei e saquei esa mini colección con eles: fixemos unha sesión de fotos e todo. Recordo que o trato foi moi bo e a verdade é que me serviu para que a xente me coñecese moito máis.
E no 2024, un dos teus deseños chegou ao Festival de Málaga da man da actriz galega Cris Iglesias...
Si! Nese caso púxose ela en contacto comigo, aínda que xa faláramos algunha vez antes. Tíñame dito que lle gustaba moito o meu traballo e que lle gustaría usalo nalgún momento. E xusto coincidiu esa oportunidade e, obviamente, hai que dicir que si a esas cousas.
Como te sintes con estas experiencias?
Xenial, porque o “feedback” da xente que leva os bolsos é moi bo, e dinme que lle preguntan por eles.
Eu sempre que podo acepto este tipo de oportunidades, porque é moi guai ver os bolsos fóra do meu entorno. Mesmo cando na web vexo pedidos de Málaga, Barcelona, Francia, Italia... é como: Wow!
E agora, cales son os teus obxectivos profesionais?
Pois manterme, basicamente, e mellorar no que fago, e pouco a pouco ir máis para arriba, para seguir chegando a distinto público e que me contacten.
A miña idea é seguir vivindo disto, sendo capaz de aguantar a presión, que iso é o máis duro. Pero, sobre todo, o máis importante para min é que me faga feliz o meu traballo.










