
Duarte Correa Piñeiro, activista político e profesor de Xeografía e Historia no IES Ramón Cabanillas, presenta mañá en Cambados o libro ‘Imperialismo no século XXI’, no que analiza as transformacións do imperialismo no contexto do capitalismo contemporáneo e da globalización económica.
A obra propón unha reflexión crítica sobre as relacións de poder que estruturaron historicamente o sistema económico internacional e que, segundo o autor, continúan presentes hoxe baixo novas formas. O libro aborda cuestións como a reorganización das cadeas globais de produción, a financiarización da economía ou a persistencia de relacións de dependencia entre territorios.
Desde a perspectiva das relacións internacionais, o ensaio examina como o fenómeno imperialista continúa condicionando a política global, nun contexto marcado pola competencia entre grandes potencias, o control de recursos estratéxicos e a influencia das grandes corporacións transnacionais e das institucións financeiras internacionais.
Segundo explica Correa Piñeiro, o imperialismo non desapareceu coa globalización, senón que se adaptou ás novas dinámicas do capitalismo mundial. O libro revisa así interpretacións clásicas da economía política e póneas en diálogo cos procesos económicos e xeopolíticos do século XXI.
A primeira presentación pública do libro terá lugar mañá, día 17, en Cambados, nun acto organizado pola Concellaría de Cultura que se celebrará ás 20 horas na Sala Pitusa V. Cabanillas da Casa da Calzada. No acto, o autor estará acompañado polo concelleiro de Cultura, Liso González, e pola escritora Adela Leiro.







