Susi Castro | “Meu pai debería estar á altura de Castelao, pero era un personaxe incómodo”
Creouse no 2001 impulsada por Xulio Ríos e dende entón recolleu, e sigue recollendo, documentación e todo tipo de obxectos relacionados con este persoeiro
Susi Castro é a penúltima filla dos oito que tivo Plácido Castro e a presidenta da fundación que leva o nome de seu pai. Un home que xunto con Castelao e Bóveda fundou o Partido Galeguista, pero que abarcou moitas outras facetas como o xornalismo, a tradución, a pintura ou a poesía.
Quen era Plácido Castro?
Para empezar, era meu pai. E para continuar, era unha figura que considero que debería estar á altura de Castelao, de Bóveda ou doutros galeguistas. A súa teima toda a vida foi a defensa de Galicia e dos seus valores. De todo o que faría disto un país forte. Sobre todo, conservando o noso, porque meu pai educouse en Londres e no Reino Unido teñen moitos defectos, pero están moi orgullosos do seu. E meu pai sempre estivo moi orgulloso do seu e deu moito para que isto se fixese realidade. Xa sabemos o que pasou despois... Aí cortouse. Pero é un personaxe que merece ser coñecido. El dicía “temos que respectar o noso, pero debemos estar abertos ó mundo”.
Por que cre que non se lle deu o mesmo lugar que a Castelao?
Posiblemente foi un pouco incómodo, no sentido de que foi valente. El non quería unha Galicia colonia, quería unha Galicia país. Meu pai foi, con Bóveda e Castelao, creador do Partido Galeguista. Representou a Galicia no noveno Congreso de nacionalidades europeas no 1932, en Berna, onde se declarou a Galicia como nacionalidade histórica. Foi a primeira vez que se falou en galego en Europa.
Que vencello ten con Cambados?
El naceu en Corcubión, fillo dun industrial moi importante. Casou en Cambados e cando foi a Guerra Civil, puxéronlle unha multa de 25.000 pesetas e desterrárono. Viviron en Cambados, en Vigo, en Portugal e Londres. Despois voltaron e os últimos anos viviron en Cambados e alí faleceu.
Por que crean a Fundación?
A persoa máis importante para a creación desta Fundación é Xulio Ríos, creador do IGADI, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional. A idea foi del. Levamos case 30 anos con este proxecto de expansión de coñecemento de meu pai.
E que se fai para dalo a coñecer?
Moitas cousas. Entre elas, houbo unha conferencia anual durante 25 anos na que, concidindo coa data do seu nacemento, se de- senrolaban aspectos importantes na vida de meu pai, como eran os idiomas. El falaba moitísimos, entre eles o inglés, que o falaba mellor que os ingleses, o francés, portugués, español, algo de alemán... Tamén o turismo, a poesía, a literatura, traducción, teatro... El era pluricultural e moi polifacético. Tamén pintaba acuarela. Nunha entrevista unha vez preguntáronlle cal era a arte máis fermosa e el dixo que a poesía, e sobre a cualidade humana máis importante respondeu que a tolerancia.
Que outras actividades teñen?
O aspecto máis importante que se está desenrolando é a traducción. Hai un premio anual de traducción que vai para 24 anos. Convócase, fórmase un xurado, len as traduccións que se presentan e deciden o premio, que consiste, de momento e esperamos que poida ser máis, en 3.000 euros e unha figura de Chaves, escultor de Vilagarcía.
Como se sosteñen?
A Fundación está formada polos concellos de Vilagarcía, Cambados, Corcubión e vai entrar Catoira. Ademais está o IGADI e cada un deles aporta unha pequena suma para mantela.
Creo que están agora nun momento de dixitalizar os fondos documentais que teñen, non?
Si. Alí está aberto e a xente pode ir e levar publicacións, pero normalmente non van, porque hoxe o que non está dixitalizado... Por iso é tan importante para min que iso quede aí para que a xente poida acceder de mellor maneira.
Que outros proxectos teñen?
Estableceuse este ano, por primeira vez, un seminario de traducción permanente. Virán estudiantes e tradutores e o gañador do ano anterior estará presidindo a mesa redonda con todos eles.

Que cre que pensaría seu pai da situación política actual?
Que é convulsa, xa o sabemos todos. Xa non a nivel autonómico ou nacional, senón a nivel internacional. El estaría moi desgustado e afectado, porque era unha persoa excesivamente sensible.
Alguén da familia seguiu algún dos seus pasos?
Eu creo que son a que máis, que son a penúltima. Cando morreu meu pai eu tiña 14 anos, pero parece que o levas nos xens.
Que lle gustaría que a xente recordase de seu pai?
Que era un home bó e xeneroso. Foi profesor de inglés en Vilagarcía, moi recordado e moi querido. Non lembro ninguén que dixera unha mala palabra sobre el.
El falaba da época do desterro?
Meu pai morreu no 1967. Era amigo de Cunqueiro, Álvarez Blázquez, Laxeiro... Posiblemente con alguén, en encontros moi íntimos e con medo, podería falar, pero na casa todo eran silencios. Vós non chegades a entender como eran aqueles tempos, de escuridade e de medo.
Como o explicaría?
Non podes imaxinar o que era aquilo. Creo que houbo un gran problema na Transición, de non terlle amosado á xente nas escolas a entender o proceso con naturalidade. Sen preferencias por esquerdas nin dereitas. Cos feitos, para que entenderan o que é. Se cambian moito as cousas e se vota como se vota, posiblemente acordaranse e voltarán atrás. Porque aínda están as dúas Españas, despois de tantos anos.
Como ve o relevo na Fundación?
Temos a Xacobo Domínguez como secretario e sempre está Xulio Ríos apoiando, así que espero que alguén me suceda, pero de momento non me queren botar.