A cambadesa Sofía Muñiz publica o seu primeiro poemario tras acadar o Premio de Poesía O Facho
O libro aborda as diferentes partes do proceso vital dunha muller nova e comezou a escribilo tras unha operación

Sofía Muñiz Somoza (Cambados, 1995) exerce na actualidade como profesora de ensino secundario e este ano puido publicar o seu primeiro poemario en galego, ‘A autorización do centro da palabra’, co que se alzou co Premio de Poesía O Facho, que concede anualmente a asociación homónima coruñesa, que leva desde os anos sesenta promovendo a lingua galega en escrito, especialmente na poesía e no teatro. Un recoñecemento no que resultaron gañadores en convocatorias pasadas autores como Manuel Rivas e do que xa forma parte a artista cambadesa, afeccionada tamén ás artes plásticas e á fotografía.
Como premio, o libro foi publicado coa editorial Medulia e xa se encontra á venda, tendo previsto a súa presentación na Casa das Formigas nunha data próxima. É, así, a súa primeira publicación, mais xa participou cunha serie de poemas no número 46 da mítica revista de expresión poética galega Dorna. Neste caso, trátase dun poemario que aborda —de xeito un pouco autobiográfico— as diferentes partes do proceso vital dunha muller nova e da súa liberación. Un traballo que xurdiu tras someterse a unha operación dun nódulo na glándula tiroides e do seu pasado tamén como enfermeira, cuestións que ocupan unha das partes da composición.
O proceso vital
‘A autorización do centro da palabra’ divídise así, segundo sinala a súa autora, en catro fases. A primeira, a “xénse”, aborda os inicios vitais, a infancia ou a idea de creación e reproducción. A segunda, trata sobre a enfermidade, tanto na súa etapa como enfermeira de quirófano, como a operación que a motivou a iniciar a escritura do poemario. Na terceira adéntrase xa na “metamorfose”, na idea do cambio e nunha etapa máis rebelde, dirixido tamén á xuventude. A última parte, a “claudicación do silencio”, co que se demostra, explica Muñiz, que “no silencio tamén se pode atopar a seducción da palabra”.
Unha obra, que aúna a poesía con outras expresións artísticas, con presencia tamén de música como o blues ou o rock, que xa dende a propia dedicatoria, engade a autora, faise “un pequeno guiño” a autores galegas como Xela Arias ou Luz Pozo Garza, que dalgunha forma marcaron a súa traxectoria, sendo así unha “declaración de intencións” de como este poemario está dedicado ás mulleres.
Así mesmo, conta cun prólogo de Xosé López Valcárcel, escritor cunha extensa traxectoria e parte do xurado do Premio de O Facho, xunto con Henrique Sánchez Rodríguez e Fernando Díaz-Castroverde, que valoraron no seu fallo “os poemas sustentados en citas ben acaídas, abertos á intertextualidade, de temática variada, rebeldía, autoafirmación ou de corte filosófico nunha ida e volta arredor da palabra”.
Un poemario que, resume, é “moderno e dirixido a todo o público”, fácil de ler e cun interese importante en chegar ata o público máis xoven.




















