Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Vilagarcía

A zarzuela “A lenda de Montelongo” fará maxia en Vilagarcía

Foi en plena ditadura de Primo de Rivera, cando calquera representación en galego (ou noutra lingua minoritaria do Estado) era concebida como un ataque á unidade da patria. Naquel 1924 estreábase en Santiago a zarzuela “A lenda de Montelongo”, con música do vilagarcián Bernardo del Río sobre o libro de Juan Buhígas e Manuel Rey Posse. Hoxe, case cen anos despois, esta peza volve a representarse en Vilagarcía. Será mañá no Auditorio a partir das oito e media da tarde e cun espectáculo colaborativo que xuntará sobre o escenario a máis de 80 personas cunha montaxe de primeiro nivel.

“Levamos dez anos sen ter esta zarzuela na cidade e xa tocaba”, recoñe a concelleira de Cultura, Sonia Outón. O nivel do espectáculo é palpable tendo en conta que o traballo é a varias mans entre o Coro Liceo de Vilagarcía, a Banda Municipal de Música de Santiago e a Asociación de Amigos da Ópera, tamén de Santiago. Despois da interpretación de mañá en Vilagarcía, o sábado o mesmo espectáculo poderá verse na capital galega. “Unha vez máis Vilagarcía e Santiago camiñan da man e tecen fíos”, explica Sonia Outón.

Auspiciada polas Irmandades

O certo é que detrás de “A lenda de Montelongo” hai moito máis que un espectáculo musical. O estudoso e investigador Javier Jurado apunta que a obra contou dende a súa estrea co apoio das Irmandades da Fala e que naceu –pese á coincidir co trienio máis duro da ditadura– baixo o amparo das Irmandades da Fala. “Nese ámbito enxebre de reivindicación, no que se usaban elementos moi propios do folclore galego, a ditadura permitiu ese sinal de identidade”, explica Jurado.

E é que a zarzuela “A lenda de Montelongo” é considerada galega por máis motivos que polo feito de ser interpretada en galego. “Pode considerarse unha zarzuela chica. O que destaca é moito a fraseoloxía propia de Galicia, alusións ás lendas desta terra e tamén referencias históricas. Tamén aparecen nela outros elementos como cruceiros, alpendres e fiadeiras entre outros”, matiza o investigador.

Destaca Jurado que a zarzuela castelán que se facía chamar galega simplemente traducía a fraseoloxía ou introducía algún “-iño”, pero sen ningún valor reivindicativo nin pegado ao folclore da terra.

Tras a estrea do ano 1924 a obra reproduciuse con posterioridade nos anos 1932-1933 a cargo do cadro de declamación do Recreo-Liceo de Vilagarcía e tamén no ano 1942 e na década dos 50. “A medida que foi pasando o tempo perdeu ese carácter reivindicativo que podía ter ao principio e era unha representación do folclore galego, simplemente”, explica Jurado.

O director da Banda Municipal de Santiago, David Fiuza, explicou que o traballo colaborativo para pór en escena “A lenda de Montelongo” está dando “un resultado máxico” e destacou “a importancia de poñer en valor a música galega e reivindicala”.

Pola súa banda o presidente do Coro Liceo, Pepe Álvarez, indicou que “para nós é un luxo participar neste espectáculo. Fixémolo hai dez anos coa Banda de Música de Vilagarcía e, aínda que implica traballar moitísimo, é unha satisfación tremenda”

Unha oportunidade única para gozar dun espectáculo de primeiro nivel no Auditorio por tan só 8 euros de entrada.