Xaquín Rubido (PDRA) | “Todos vivimos do mar dalgunha forma, non só as mariscadoras e os bateeiros”
Xaquín Rubido é o presidente da PDRA (Plataforma en Defensa da Ría de Arousa). Nestas liñas explícanos que é para el a Ría, en que situación se atopa, cal é o segredo da PDRA para unir a todo o sector do mar e como se leva animicamente loitar por causas nas que ás veces hai que afrontar fracasos.
Para alguén que nunca estivese aquí, que lle explicaría da Ría de Arousa?
É un entorno moi singular, porque dentro das Rías galegas é, quizais, a que ten maior extensión. Está alimentada por 15 ríos e este aporte é moi importante para activar a riqueza da propia ría. Ten grande cantidade de areais que proceden da erosión dos ríos e todo isto está relacionado cun proceso oceanográfico chamado afloramento, que significa que o vento do nordés retira as augas superficiais cara mar aberto e iso provoca que a auga fría e profunda penetre pola banda sur da Ría, entre Sálvora e O Grove, arrastre nutrientes e provoque o medre e reproducción do plancton e a riqueza biolóxica tan espectacular. Todo isto marca a identidade da Ría, que arredor deste sector ten tecido ó longo dos anos unha actividade económica moi variada. A riqueza do mar, segundo o propio IGE, trasvásase ó resto de sectores da economía. Dalgunha forma, todos vivimos do mar, non só as mariscadoras e os bateeiros.
En que situación está agora mesmo a Ría de Arousa?
Eu apuntei aquí uns datos, que son todos terribles. As ameixas todas están en bancarrota, menos a xapónica, que é foránea e máis dura. O mexillón tamén é bastante resistente, pero está baixando a súa producción. A media do último quinquenio de produción anual foron 156,8 toneladas, pero no 2024 producíronse na Ría de Arousa 110 toneladas. Estamos nunha situación crítica e vemos que o rumbo que toma a administración autonómica non é o que nos gustaría para recuperar o sector, senón que é apoiar actividades claramente prexudiciais, porque detraen do río máis caudaloso, o Ulla, un volume de auga moi importante, e aportan un volume moi grande de contaminantes, como a celulosa de Altri e a mina de Touro.
"Todas as ameixas están en bancarrota menos a xapónica. Na fina pasouse de recoller 155 toneladas a 21. Na babosa, de 268 a 38"
Hai algunha especie que se poida considerar irrecuperable xa?
Datos oficiais de Pesca de Galicia din que na ameixa fina, a media do último quinquenio foi de 155 toneladas por ano, mentres que no 2024 só se recolleron 21. Na rubia baixou o 50%. Na babosa, que era moi importante, pasou dunha media de 268 toneladas por ano a 38. O berberecho tamén, pasou de 302 toneladas a 19. Estamos en números vermellos. Ou se actúa sobre os parámetros que deterioran o estado ambiental da Ría ou o sector non pode aguantar. Poderían modificar os Permex, facendo que poidas coller unha excedencia como noutras actividades, ou implementar que as mariscadoras reciban un salario mínimo para realizar traballos de rexeneración. Esiximos ás administracións que tutelen o noso mar e que se regulen os desencoros, para que non provoquen esas mortandades tan inmensas que se producen, tamén na Ría de Noia.
Supoño que o cambio climático tamén ten que ver nesta merma.
Si. Ten unha relación directa con que haxa menor intensidade do vento do nordés e iso provoca que haxa menos afloramento e, ó mesmo tempo, canto menor afloramento, menor é a renovación das augas dentro da Ría. Polo tanto, a mesma contaminación ten máis impacto hoxe que hai vinte anos. A administración tería que controlar moito máis os verquidos, as depuradoras, poñer multas disuasorias...
A PDRA comezou cun feito como foi a colocación dos depósitos de Ferrazo en Vilagarcía. Como recorda aquela época?
Foi un momento de efervescencia social, moi bonito, espontáneo. Fomos xuntándonos e á calor desas asembleas, constituímos PDRA. Conseguimos demostrar que tiñamos razón e de feito hai unha sentenza firme do Supremo que anulou o permiso para os depósitos por non ter informe de impacto ambiental. Iso foi un éxito legal. Acontece que despois posibilitouse que Finsa presentase un informe posteriormente.

Como se leva animicamente cando ás veces non logran parar actuacións das que están en contra?
É duro. Hai dúas caras da moeda. Dunha banda, estamos moi ledos de conseguir que a xente se mobilice cada vez máis. O que non é gratificante é non poder sentar nunha mesa e que a administración presente os seus argumentos.
Levan 25 anos, non cobran cuotas, unen a todo o sector do mar... como o fan?
Foise construíndo co tempo esa confianza. Temos un xeito de funcionar moi aberto, asembleario. Convócase a 110 colectivos de toda a Ría e Galicia ás reunións. Iso fala da transparencia que temos. Esa é a nosa fortaleza. Somos moi respectuosos con todo o mundo. Temos persoas que votan partidos totalmente distintos, pero coincidimos en que a Ría é de todos e é o noso patrimonio común.
Que momento recorda como o peor e cal é o mellor nestes 25 anos?
O peor foi despois da loita contra os depósitos de Ferrazo, porque houbo un baixón trala imposibilidade de parar o proxecto. Doutro lado, do que estamos máis orgullosos é de todas esas grandes mobilizacións que teñen significado un punto e a parte para a historia desta Ría, como a que paralizou a Lei de Acuicultura ou a mina de Touro. O noso obxectivo é transmitir á sociedade que os problemas de Galicia temos que resolvelos entre todos.