Música, patrimonio, literatura, arte e gastronomía fusiónanse no proxecto VideaFest en Vilaxoán

Arte, música, literatura, patrimonio e tamén gastronomía daranse cita no VideaFest de Vilaxoán. Unha ambiciosa proposta que colocará á localidade no epicentro cultural o vindeiro domingo 28. A apertura do proxecto Videa Vol.19 será ás doce do mediodía. Será coa inauguración da exposición da obra de Juan Moreno Badía, que ofrecerá un percorrido guiado pola mostra pictórica no Pazo de Sobrán. Un “ti a ti” co artista e no que haberá tamén un viño-vermú como benvida.
A música da xornada correrá a cargo de varias formacións como son Duarte Quartet, Chuli Mod, As do Xeito, DJ Pinche, A Banda do Poeta, DJ Crebinsky e Isi Vaamonde Band.
Ademais, nese mesmo espazo patrimonial, os que se acheguen terán a oportunidade de asistir a un Market Pop-Up de moda sostible.
O VideaFest tamén reserva un espazo para a literatura coa presentación do libro “Gorriones y Halcones” de Carmen Blanco Sanjurjo, así como a presentación da obra “Las consecuencias”, asinada por Miguel Otero Furelos.
Na proposta gastronómica deste festival multitask está a degustación da proposta Mar de Vilaxoán, no propio Pazo de Sobrán.
No apartado de patrimonio os asistentes terán a posibilidade de asistir a unha visita guiada ás pías de Salazón do Preguntoiro con explicacións a cargo de Miguel Ángel Pérez. Ademais tamén haberá outra aos xardíns de Veiga do Mar, guiada por unha botánica.
A intervención artística consistirá nunha creación efémera de Juan Rivas no exterior de Veiga do Mar. Ao peche da xornada haberá o sorteo dun cadro de Juan Moreno Badía entre os asistentes.
Para esta nova edición do VideaFest hai aforo limitado, daí que é preciso reservar praza a través do contacto que figura na web www.videafest.com.