
Davide Salvado e Fransy González, Pandereteiras PésdeBarro, Os demos da Petaca, Abril e Malvela serán as propostas musicais dunha cita que xa é todo un clásico de finais do verán, o Folk no Alobre. Previsto para o último domingo do mes no Enrique Valdés Bermejo, o evento combina gastronomía, actuacións, obradoiros e historia nun entorno de excepción.
Organizado por PésdeBarro, é un festival gratuito ao que se pode levar a propia comida ou mercala alí, xa que haberá unha foodtrack. “É moito máis que un festival; é unha celebración da nosa identidade, da nosa lingua e da nosa memoria colectiva”, sinalou Daniel Abade, secretario da asociación.
O Folk no Alobre forma parte do selo ‘VGA 365’, que engloba algunhas das actividades culturais de referencia na cidade. “Dixémolo en moitas ocasións: Vilagarcía non para, e hoxe presentamos esta cita que une tradición e cultura nun espazo natural privilexiado, como é o Castriño”, apuntou o alcalde, Alberto Varela. A concelleira de Cultura, Sonia Outón, quixo poñer en valor a importancia das pandereteiras na proposta deste ano, tendo en conta tamén que se lles dedicou as Letras Galegas.
Folk no Alobre será o último fin de semana de agosto, poñendo continuidade a un mes no que tamén se levarán a cabo as festas grandes de Vilagarcía, as de San Roque, e eventos tan enraizados como a Noite Meiga.
Programa por horas
A actividade comezará ás 11 horas, cunha visita guiada polo Castro e o parque acompañados por Xurxo Souto, que “irá narrando a parte histórica e a relación da cidade con ese espazo natural”. O roteiro estará ambientada polo grupo tradicional Os Demos da Petaca e Guiía. A saída será desde os Xardíns de Ravella e non é necesario reservar praza.
Dúas horas más tarde, á unha do mediodía, será a sersión vermú coas ‘Armadanzas’, grupo formado por Mercedes Prieto e Montse Rivera, que levará ao Alobre o espectáculo ‘Bailando coa lingua’. Xa por esa hora comezará a abrir o apetito, polo que Abade explica que haberá un posto de venda de comida e bebida. Pola tarde, ás 16 horas, será o obradoiro de iniciación ao baile galego solto, con Rosa de Pombal, cunha grande traxectoria neste eido. Xá ás seis da tarde comezarán os concertos, sendo as Pandereteiras de PésdeBarro as encargadas de abrir lume e con Davide Salvado e Fransy González poñendo o broche cunha “proposta do máis interesante tendo en conta que estamos ante un dúo referente do folk galego”, destacou Sonia Outón. para varela, trátase dunha “oportunidade de ouro” para pasalo ben con amigos e familia.