O BNG enmenda os orzamentos do Estado para esixir tren de cercanías e máis personal para os ISM

O deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, deu a coñecer onte en Vilagarcía a batería de alegacións que a súa formación presenta aos orzamentos do Estado para o ano 2023. “Partimos da base de que cremos que son uns orzamentos inadecuados e insuficientes para Galicia”, comezou Rego a súa intervención. Das 350 enmendas que o Bloque presenta ás contas estatais moitas son vencelladas directamente coa Ría de Arousa e coa comarca do Salnés. Entre elas están a “necesidade dun servizo de tren de cercanías para Galicia”. Expón Rego que “o goberno creou cinco novos servizos de cercanías en sitios nos que xa hai algún e para Galicia nada”. Cre o nacionalista que non é a única cuestión que debe mellorarse en canto a infraestruturas ferroviarias por parte do Goberno central. Tamén fai referencia á importancia de “mellorar os trens de media distancia con máis frecuencias entre Santiago e Vilagarcía e entre Vigo e Vilagarcía e recuperar tamén paradas en Catoira e Pontecesures”. O nacionalista manifesta que quedou en evidencia que a xente “cando hai un bo servizo usa o ferrocarril”, pero que ten que haber unha aposta clara por parte do Goberno.
O Bloque tamén presenta enmendas que teñen que ver cos servizos asistenciais. Son as referentes ao aumento do personal nas oficinas do ISM na comarca (Vilagarcía, Cambados, O Grove e Baltar). Sobre isto falou a deputada no Parlamento de Galicia, Montse Prado, que explicou que a falta de persoal condena aos que precisan utilizar estes servizos “a ir a unha Xestoría porque non son capaces de facer as cousas de forma telemática ou telefónica”. De ahí que reclamen máis persoal para as citadas oficinas e tamén para as do Instituto Nacional da Seguridade Social nas que “hai importantes retrasos para ser atendidos”. Máis persoal para o Servizo de Vixiancia Aduaneira (SVA) e seguridade viaria para a N-640 ao seu paso por Rubiáns, Juan Carlos I e San Roque son outras das cuestións que aparecen nas alegacións do BNG. Rego fixo un apunte específico na súa intervención para falar tamén das enmendas “para pór fin á discriminación que sofren os emigrantes retornados” e sinalou como “outra cuestión pola que seguiremos loitando noutros foros como é a afectación do Regulamento da Lei de Costas nunha zona na que o mar ten unha especial importancia”. Insistiu en que é unha normativa que afecta directamente a milleiros de postos de traballo. “En Madrid seguen decidíndose cousas que nos afectan no día a día”, sentenciou Prado.
No Barbanza
Por outra banda a deputada no Hórreo Rosana Pérez presentou as enmendas aos orzamentos da Xunta referentes á comarca do Barbanza. Os nacionalistas reclaman máis investimentos para sanidade lembrando que os consultorios de Cabo e de Taragoña seguen pechados e as protestas no centro de saúde de Corrubedo. También esixen a conexión ferroviaria da comarca e a creación doutra residencia para maiores en Boiro ou a reforma integral do CEIP Castelao.








