Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Vilagarcía

O Bloque propón enmendas ao orzamento da Xunta que reservan 38 millóns para O Salnés

Enmenda á totalidade e un rexeitamento absoluto ás “políticas de propaganda do Partido Popular”. Este é o posicionamento do BNG respecto dos orzamentos da Xunta para a zona de Arousa, que considera que as contas da administración autonómica para o próximo ano non dan resposta ás necesidades do Salnés. “Son contas electoralistas nun PP en tempo de desconto e en campaña permanente”, sinalou a deputada Montse Prado.

“Fronte aos 12 millóns de euros que contemplan as contas para O Salnés nós facemos propostas por máis de 38 millóns de euros”, manifestou a nacionalista.

Así pois as enmendas contemplan investimentos en canto á mellora da asistencia sanitaria. “Un plan de choque, pois seguímonos vendo afectados por centros infradotados de persoal”, declarou. Ese plan de choque tería un coste de 1,5 millóns de euros. Nese mesmo epígrafe o Bloque contempla 300.000 euros para a dotación de urxencias pediátricas no Hospital do Salnés, así como un millón para dotalo de máis persoal. Piden tamén un aparcadoiro público no Hospital (500.000 euros) e que queden especificados os dous millóns de euros para a construción do novo centro de saúde de Vilagarcía, así como melloras en ambulatorios como o do Grove, Meis, Baltar ou San Roque. Tamén o segundo técnico para a ambulancia medicalizada.

Respecto ás enmendas en materia de ensino o Bloque reclama 750.000 euros para a reforma do CEIP A Illa, así como outros 250.000 para o San Tomé de Cambados e a mesma cantidade para o IES de Carril. No listado tamén contempla un millón de euros para a reforma do colexio Rosalía de Castro do Grove e outros 250.000 euros para o pavillón do IES Monte da Vila.

As enmendas do Bloque tamén contemplan propostas en Política Social como tres millóns de euros para a adquisición do Pazo Montesacro para ser usado como residencia pública en Cambados, así como partidas de 250.000 euros para cuestiones tales como o inicio do Centro de Día en localidades como O Grove, Meaño, Vilanova ou A Illa. Tamén entenden que é preciso reservar medio millón de euros para pór en marcha un punto de encontro familiar que dea servizo á comarca do Salnés e evitar así que os usuarios teñan que desprazarse ata Pontevedra. Nas actuacións medioambientais o Bloque reclama un millón de euros para un plan integral na bacía do Umia e a eliminación do encoro da Baxe, en Caldas. A mesma cantidade propón para melloras no Ulla e medio millón para a EDAR da Illa, mentras que esixe 600.000 para a renovación da tubaxe da auga de O Grove e Sanxenxo.

En canto á mobilidade os nacionalistas cren necesario un plan de mellora do transporte na comarca para o que se precisarían 500.000 euros, a mesma cantidade que para o proxecto de desdobramento da Autovía ata O Grove. Tamén se esixe que se teñan en conta melloras en diferentes estradas.

Montse Prado tamén incidiu na importancia de coidar os sectores produtivos e insistiu na necesidade de recuperar as zonas de marisqueo de Tragove e do Facho. Tamén melloras de infraestruturas como a ampliación do Porto de Meloxo ou a nova fachada marítima do Cantiño, na Illa, valorada en sete millóns de euros.

En materia de Patrimonio as enmendas nacionalistas piden 400.000 euros para a restauración do Pazo de Torrado en Cambados e outros 500.000 euros para a recuperación de Adro Bello. Ademais esixen 200.000 para o cuarto xuzgado de Vilagarcía.