
Cando se mellorarán a seguridade e a accesibilidade da rúa Ameixeiras?
A Deputación confirmou esta semana a subvención, polo que en próximas datas licitaremos a obra para dotar de beirarrúas, aparcamentos, alumeado e recollida de pluviais ao primeiro tramo do acceso ao IES Armando Cotarelo. Pero a maiores, sería necesario que a Xunta asumise a demanda deste Concello de humanizar a Avenida de Cambados porque así tamén se elevaría a seguridade viaria nesa intersección coa Rúa Ameixeiras.
Que accións teñen previsto para facilitar a conciliación en épocas non lectivas?
Dende hai anos contamos cos campamentos urbanos de Nadal e de Verán para os nenos e nenas de 3 a 7 anos, aos que lles incorporamos o Plan Madruga, e este ano recuperamos o servizo de comedor para complementar as necesidades de cada familia. Tamén axudamos á conciliación cos campamentos medioambientais, ecoartístico e multiaventura para rapazada de 8 a 12 anos, así como coas escolas deportivas de verán da Fundación de Deportes. Fora desta programación estable organízanse outras actividades puntuais (obradoiros de cociña, campamentos tecnolóxicos…) que tamén axudan a conciliar. E durante a tempada escolar subvencionamos os Plans Madruga das ANPAS.
Que iniciativas ten para o comercio local?
Continuaremos coas políticas de apoio xa iniciadas, con novas edicións dos bonos Son da Casa, a dinamización de rúas, a organización de eventos e as axudas para emprendemento e á contratación. E utilizaremos os fondos Next Generation para desenvolver unha ambiciosa estratexia de modernización e desenvolvemento do comercio de proximidade, incluída a Praza de Abastos, a través do proxecto “Vilagarcía Viva”, centrada en adaptar comercio local ás novas tecnoloxías e ás necesidades dos consumidores, ofrecendo apoio loxístico, formación e soportes para a creación de novos servizos. Ademais, manteremos o diálogo permanente cos axentes económicos a través das mesas sectoriais, porque pulsar as súas necesidades e opinións axúdamos a establecer liñas de actuacións más eficaces. Todas estas medidas contribuíron a que Vilagarcía conte hoxe con maior número de empresas e máis emprego que en 2015.
Cando se vai a rexenerar a praia Compostela?
A mellora da praia da Concha-Compostela é unha liña de traballo constante do que estamos recollendo os froitos como o demostra a mellora da calidade das augas nos últimos anos. Rematada a segunda fase da rehabilitación do paseo, e tamén coa colaboración de Costas do Estado, traballamos dende hai tempo na erradicación do cadillo. Esta mesma semana viñeron os técnicos a tomar mostras para estudalas e propoñer as medidas a adoptar para eliminar de forma definitiva esta epidemia tan molesta e que hipoteca calquera outra actuación na area. Este é un obxectivo a curto prazo, igual que a mellora de servizos que vamos a realizar con fondos Next Generation. E tamén estamos a xestionar ante Costas as melloras que precisan as praias do Preguntoiro e do Campanario para que poidan executarse canto antes.
Despois da anunciada humanización da estrada de Rubiáns, cando se pensa actuar en Rosalía de Castro?
Ningunha desas estradas é de titularidade municipal. Afortunadamente, as xestión que fixemos ante o Ministerio de Transportes para mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria na N640 dende Godos ata a Praza da Constitución foron atendidas e xa está en marcha a redacción do proxecto. Levamos anos demandando á Xunta que arranxe as deficiencias en Rosalía de Castro sen que nos fixeran caso. Eu mesmo llo volvín a trasladar a Alfonso Rueda cando tomou posesión como presidente e seguirei demandándoo, porque se necesita e porque é unha débeda histórica da Xunta con Vilagarcía.
Son unha veciña da Rúa Sobrán desconforme coas obras realizadas. Que sentido teñen esas tremendas beirarrúas nun lugar que non ten ningún encanto, feo e no que agora non podemos aparcar? Como van a solucionar o problema?
A reforma da Rúa Sobrán fíxose para resolver os graves problemas de servizos e de seguridade viaria que presentaba. Era unha actuación moi necesaria e que nos viñan demandando os veciños dende hai anos, tanto a titulo individual como a través da asociación veciñal. A obra permitiu renovar por completo as redes de saneamento e abastecemento que rompían cada dous por tres e, ademais de deixar sen servizos aos veciños, convertían a rúa nun campo de minas, con buratos constantes que impedían incluso a circulación rodada. As beirarrúas –das que antes carecía- teñen como obxectivo garantir a seguridade dos nenos e nenas que acoden cada día ao colexio de Faxilde a pé, e a dos veciños en xeral, que antes camiñaban totalmente desprotexidos compartindo espazo cos coches. A maiores, a actuación mellorou notablemente a estética dunha zona que o necesitaba moito e que agora se veu revalorizada. Humildemente, creo que hoxe temos unha rúa máis fermosa e da que sentirnos orgullosos. En canto aos aparcamentos, a seguridade das persoas é o principal, pero igualmente existe ao inicio da rúa unha superficie para aparcar e outra ao final para os veciños que carezan de garaxe. Dito isto, aínda que foron moitos os veciños e veciñas da rúa que nos manifestaron persoalmente a súa satisfacción pola obra, tamén é certo que é imposible contentar a todo o mundo. Pero o deber do goberno é actuar sempre na procura do interese xeral. Así o fixemos na rúa Sobrán, un dos investimentos máis importantes xunto co Paseo de Canelas e o albergue de Carril, e o e así o seguiremos facendo nos proxectos futuros para a cidade.
Qué proxectos ten para Bamio e como se vai a resolver a conexión peonil con Carril?
Resumidamente, rematar as xestións con Costas para que se executen as melloras da praia do Campanario, reacondicionar e recuperar para a actividade deportiva o pavillón actualmente en desuso e continuar actuando nos rueiros da parroquia a través do plan municipal de asfaltados, priorizando os camiños apuntados tanto pola comunidade de montes como polos veciños. No que se refire aos accesos peonís entre Bamio e Carril, estaremos vixilantes para que, despois de anos demandándoo, a Xunta execute de unha vez por todas a dotación das beirarrúas que permitirán salvar o perigoso cruce coa estrada xeral. Pero o proxecto non é o que nós desexábamos, porque non chega a conectar coas beirarrúas de Carril. Por iso continuaremos instando á Xunta a que remate como é debido esta importante e necesaria actuación xa que sen iso, a seguridade dos peóns non está garantida.
Como xestiona o “hate” nas redes?
Con espírito crítico e na súa xusta medida. Toda opinión dun veciño debe ser escoitada e tida en conta, aínda que non guste ou non se comparta. Parto destas premisas para discernir si certamente hai lago de razón nesa crítica negativa e, si é así, ver como se pode mellorar a cousa. Os comentarios que unicamente buscan a ofensa e só teñen ánimo destrutivo sen aportar nada máis, simplemente me ocupan o tempo que me leva lelos. Non lle dou máis importancia. Son máis as mensaxes positivas que as negativas e tamén teño claro que en persoa a xente é máis agradable.










