Vandalismo snob
Semellante aos señoritos que levaban ao persoal de servizo a bater as potas nas manifestacións, agora o verdadeiramente snob está en atentar contra obras de arte en nome do ecoloxismo. Que digo eu que haberá numerosas persoas ben concienciadas e activas en favor dos movementos ecolóxicos e que desfruten dunha visita única a Orsay, Prado, Louvre ou onde queiran que poidan ir. Non termino de atopar a lóxica neste intento de confrontar o interese polo arte cun suposto desinterese polo planeta, coma se fosen incompatibles ambas preocupacións.
Non comparto este fatalismo dicotómico, polo cal preocuparse dun problema serio e real obriga a non poder atender a ningunha outra cousa e a renunciar a todo desfrute e placer. Coma se dun cilicio moral se tratase, chegan novas mentes abertas que cren que o mellor é que nos pechemos os demáis. E así, co noble e tremendamente digno argumento de que é necesario chamar a atención (que o é), o vandalismo sobre obras de arte de gran valor xustifícase en que non estamos preocupados polo medio ambiente como deberíamos.
Probablemente o eixo da cuestión está en facer caso (como escribir unha opinión sobre isto), o que provoca que se expandan rápidamente comportamentos iguais. Se cadra o outro eixo está no protagonismo de ser quen rocía de comida un Van Gogh. En determinados ámbitos (non profundicemos en cales) iso da prestixio, e non descartemos que incluso as grandes e superiores conciencias son humanas e teñen o seu ego.
Ao fin, o que de verdade se mancha tamén é aquelo que se defende. Non creo que o ecoloxismo gañara adeptos con estas accións, e incluso pode dar unha asombrosa imaxe de frivolidade. Pero a quen lle importa iso despois de ter saído na tele?
