Tranquilos, xa paga o Concello
Seica algúns regresaron ao modelo do despilfarro coas contas públicas que tanto estaba de moda nos comezos do século XX. Aqueles tempos nos que o anterior-anterior alcalde, como dicía aquel, trataba de convencernos de mercar un coche oficial de gama media para o Concello, un Audi A6. Aí é onde colocaba a metade da gama. Os novos gobernantes locais do PSOE de Vilagarcía parecen leais discípulos daquel momento e daquela maneira de enganar á xente. Esequecen as dificultades que hoxe pasan as familias e pequenas empresas para superar a crise dos prezos. E non lles doe.
Durante a celebración do Congreso de mobilidade puiden comprobar dous gastos que non son curiosos, nin raros, nin sequera esaxerados: son direcamtene indecentes. O goberno consignou dúas partidas. A primeira chamada literalmente “Servizo de Catering asistentes Congreso (cafe)” que custou a toda a xente de Vilagarcía 2.635,38€. Unha conta rápida para ver a verdadeira dimensión: supoñendo que cobrasen o café ao prezo medio da cidade o congreso tería servido 2.026 cafés. O concello fixo café para todos, pero só tomaron os que estaban invitados ao congreso. Tampouco lles doe.
A segunda das partidas indecentes tamén é de comer. “Servizos de Catering para (25 persoas)” é o título da partida cun total de 7.000€. É dicir: a 280€ por cabeza. Isto vén sendo unha boa papatoria. Como se o congreso fose unha voda na que os invitados non traen regalos. O malo é que foi unha voda pagada cos cartos de todos. Este goberno local de Vilagarcía tira os cartos sen control pero non quere gastar en programas como concilia tardes, deixa sen atender as axudas para libros ou material escolar. Este goberno que non axuda acaba de gastar nun congreso de autobombo nada menos que 9.600 euros en papatorias. Sen vergoña. É o que ven sendo de toda a vida un goberno come de balde. E non lles doe. Doélle á xente.
