Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

San Roque: houbo auga e houbo festa

O verán máis caluroso e seco que se lembra e do que hai rexistros, sen chover dende o mes de xuño e con problemas de sequía. Chegou a festa de San Roque e, aínda que o día 15 estaba fabuloso e o 17 case estaba de voltar á Praia…o día 16 de agosto, San Roque, Festa da Auga, pintaba mal. Deron as 11.45 e, tres anos despois, San Roque volvía a saír pola porta da igrexa. A banda de música tocaba Triunfo e algún milleiros de persoas voltábamos a sentir que a normalidade estaba aquí. Xusto neses intres caeron chuzos de punta. Foron un par de minutos, os exactos en que a imaxe saía case que bailando e algúns pequechos vían a San Roque por primeira vez. Despois diso, xa todo foi sobre rodas. Choveu algo máis, si, pero xa ninguén se lembra. Incluso saíu o sol por ratos. E houbo festa.

A Festa da Auga é unha parte dentro do que supón o día de San Roque (a menos santificada de todas as festas santas). A subida de San Roque ten unha historia tras de si que ten moito máis que ver cunha identidade de pobo, e moitas cousas máis, e de aí lembro eu que en casa de miña avoa comíase lacón con grelos tal día de verán. Significa moito máis que unha festa como a que por momento estivo a piques de dominarnos, desas que convirten a Guadalupe, o Albariño, a Vikinga, o Apóstolo, o Auga e calquera outra nun macrobotellón no que non importa o que se celebra senón que ao día seguinte sexa festivo. Pois a Festa da Auga, coma case sempre, recibiu a súa pequena e xa tradicional polémica. Neste ano de sequía e incendios, con moita máis forza (como é lóxico).

Sinceiramente, os datos son tercos e a evidencia vai un pasiño máis alá que o debate fácil de bar. Consumimos tanta ou máis auga outro día calquera que nese día. Por aí deberiamos comezar todos os debates. Porque non é un desperdicio de auga, e non é un insulto a ninguén, que caian algúns caldeiros ou algún veciño saque unha mangueira pola ventá durante unha hora da mañá nun par de rúas. Podía ser innecesario que se enchufaran mangueiras ás bocas de rego, si. Pero tamén sería unha tolemia usar auga de mar, como moitos “solucionistas de todo” aportaron, sen decatarse de que iso destrozaría mobiliario e tuberías, e que obrigaría a baldear e limpar con moita máis auga doce.

Ao fin resulta que non é todo tanta tolemia nin hai tanto desalmado nas tomas de decisións. O que resulta é que precisamos ir conducindo as nosas festas ao que son, unha celebración conxunta da felicidade de saír a tomar os viños, os mostos ou os refrescos xuntos. E se un día facemos o parvo, pois facémolo, que non fai mal a ninguén. Bravo pola festa dos da casa, sen festas rave na praia o día 15 pola noite, sen mangueiras de máis, con moito sorriso na subida a San Roque, con pasodoble, con sombreiros xigantes e pinchiño de queixo con Carlos Guerrero, con auga e amigos. Que dure, e...Viva San Roque!