A mandrágora críptica
Unha das plantas máis curiosas que se poden atopar é a mandrágora. É un tipo de vexetal que en realidade, pertence a un xénero de seis especies de plantas alucinóxenas na familia das solanáceas, nativas da conca mediterránea e dos cumios máis altos do Himalaia. Son particularmente coñecidas polas súas potentes raíces, que se asemellan algo á forma humana e teñen unha longa historia de uso en prácticas relixiosas e supersticiosas. Sempre foi unha planta relacionada co místico e o divino. De feito, na idade medieval críase que as mans humanas non debían entrar en contacto con elas e pensábase que cando se tiraba a mandrágora do chan, escoitábase un berro que mataba ou toleaba aos que non se tapaban os oídos. Unha vez que a planta era liberada da terra, podíase utilizar para fins benéficos, como curar, inducir o amor, facilitar o embarazo e proporcionar un soño relaxante. Ao carón dela xurdiu unha lenda de linguaxe críptica.
Velaí, con esa base de coñecemento, medio milenio atrás, Nicolás Maquiavelo daba luz a súa obra teatral “A Mandrágora”, escrita durante o penoso exilio en San Casciano ao que foi obrigado, para salvar a vida, polos autoritario rexedores do territorio florentino. A peza, que resulta ser algo máis que un “divertimento en tempos tristes”, desenvolve un enredo no que fica ao descuberto a debilidade dos principios morais ante os intereses e paixóns que aniñan na condición humana. Reverso cómico da análise social que o autor desenvolve nese especie de manual para rexentes que coñecemos por “O Príncipe”, sen dúbida algunha, a obra que o transcendeu na historia da literatura de ensaio e que pola contra agocha outro dos aspectos máis salientábeis da súa condición de “pai fundador” da moderna ciencia política, singularizada nos “Discursos sobre a primeira década de Tito Livio”, unha rigorosa análise que ofrece unha visión moito máis extensa do seu pensamento político, apostando pola república como mellor forma de goberno, no canto dos principados e reinos.
Esa obra teatral, “A Mandrágora”, constitúe de feito unha interesantísima mostra do enxeño e capacidade crítica do autor renacentista que contribuíu a consagralo como unha das grandes figuras do pensamento occidental. A pique de rematar o pasado século, Luísa Villalta, da man de Pancho Pillado, sabedora do valor literario, histórico e social desta obra de Maquiavelo, fixo unha adaptación idiomática á lingua galega que foi publicada por Edicións Laiovento ilustrada por de Pepe Carreiro.
Villalta, autora honrada con toda xustiza nesta última Festas das Letras, foi, e aínda é, unha figura clave na literatura galega, polas múltiples facetas de creación literaria e tamén como tradutora. A súa habilidade para capturar a esencia das obras orixinais e transmitilas coa mesma forza na lingua galega é de sobra recoñecida, proba da súa destreza lingüística e do seu compromiso co noso idioma e co país. Mágoa que o meigallo da mandrágora fose quen de levala a temperá idade alén deste mundo terreal aínda que sen dúbida fica entre nós, na súa literatura de militancia e feminismo.