Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Joan Berride, en Arga

A galería ARGA ofrece  unha exposición do pintor Xoan Berride ( Vilagarcía de Arousa), un artista dono dunha estética mui persoal e cunha longa traxectoria expositiva, iniciada a principio dos anos 80. A mostra leva o acaído título de “VISIONARIOS”, xa que efectivamente as súas obras son visións interiorizadas da realidade, xogos evocadores de instantes que se desdebuxan no recordo e que a memoria reconstrúe libremente como anacos simultáneos de un mosaico artellado segundo os vaivéns da remembranza, pois a vida está feita de encontros que se diluen,  de ecos esgazados e de entrecruzados labirintos. Dono dun pincel inquieto e viaxeiro, compón así unha poesía visual na que o tema inspirador vístese con feiteiceiros roupaxes de gozosas cores e de formas e perfís ambiguos que  abren os territorios do misterio, despertan a imaxinación e permiten lecturas polisémicas. Joam Berride traballa coas insinuacións e a ambigüedade, arroupa ás súas criaturas con atmósferas envolventes, partilla o espazo para establecer correspondencias simultáneas dos fragmentos da experiencia, mestura formas orgánicas con formas xeométricas irregulares de planos rectos ou curvos para mostrar a interacción que se da continuamente entre a natureza e a intervención humana e xoga con ráfagas ben acordadas de fuxidío cromatismo como o faría a viaxeira e cambiante luz. Crea, así, composicións de ritmos abertos e dinámicos que compoñenn desdebuxadas iconografías o que lle permite ao contemplador abrir as fiestras de interpretacións libres ou - como o título indica- volverse visionario e descubrir que hai unha realidade “outra” agochada baixo as apariencias. A súa pintura, aínda que, as veces recolla a loita e o drama da vida, é pintura de harmonías e de matices que queren falar do inefable, polo que, a miúdo, arroúpase con bretemosas veladuras que deixan ecos emocionados e móviles e borrosas pegadas. Como xa dixemos noutra ocasión, o seu quefacer destaca pola sutil harmonía de relacións que se sustenta  na  arte combinatoria, perfectamente modulada  por unha sintaxe de gran liberdade na que as asimetrías conviven coas simetrías e a figuración coa abstracción . Un aspecto fundamental é o magnífico e variado tratamento da cor. a que fai cantar en perfectas entonacións, xogando sobre todo coas harmonías, pero tamén cos contrastes, diversos matices de azul e verde que son as cores do ensoño  e algún evanescente gris teñen un  protagonismo especial, pero levan intercalados  pequenos planos de cor vermella, laranxa,  amarelo,violeta ou ocre que xogan como puntos de atención. Dono dun estilo inconfundible, ten viaxado, non obstante, por unha heteroxéna temática: veleiros das estrelas, aves do paraíso, ondas mariñas, insectos, trenes, peregrinos...,pero sempre no horizonte síntese latexar a capacidade transformadora da beleza e mesmo o anceio de utopía; a miúdo, o expresado deixa entrever algo fabuloso, invisible y oculto, algo que está alén e que só se pode captar sendo visionario