Galego, aquí e acolá
Sen dúbida algunha, no compromiso co noso idioma, o galego, o interese que ten a normalización lingüística entre a mocidade é evidente se temos en conta a importante perda de falantes que se está a producir entre a poboación máis nova, situación que confirman os diversos estudos que se teñen realizado. A situación, recorrendo a unha metáfora visual, é a dun semáforo en vermello, e se optamos pola simboloxía sonora, é de chamada de alarma. Por iso, é preciso, xa que logo, chamar a atención de todas as instancias políticas e sociais a respecto da necesidade de intervir de maneira efectiva no mantemento e difusión do idioma, da lingua galega, e facelo, á súa vez, coa participación activa das propias destinatarias: a mocidade e a infancia.
Nada mellor que a experiencia do Correlingua, unha acción de base que se vén desenvolvendo nos últimos anos, cunha longa traxectoria de éxito. Esta iniciativa é unha proposta de carácter educativa e lúdica que pretende convidar a mocidade e a infancia e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.
Concertos, festas, regueifas, obradoiros e concursos son o centro dunha actividade que este ano acada a súa vixésimo cuarta edición, na porta do cuarto de século xa, facendo deste mes das Letras Galegas un dos eventos máis importantes na promoción dos nosos valores de identidade e cultura xunto á multitudinaria mobilización a prol do idioma que convoca á cidadanía cada 17 de maio e, obviamente, no seu obxectivo de promoción do libro e da literatura, a merecida honra e recoñecemento a Luísa Villalta, coa difusión da súa obra chea de valores e compromiso co país. Tamén, tódolos actos do Día das Letras e a magnífica labor dos colexios, colectivos e asociacións.
Así e todo, Correlingua sintetiza reflexión nun manifesto elaborado por alumnas e alumnos de varios centros educativos, participantes en obradoiros impartidos por tres escritoras galegas, conformando unha “mensaxe para as familias, as institucións, os medios, as mestras e os mestres, as rapazas e rapaces coma nós: Dende aquí queremos berrar ben alto que non nos apetece, non nos presta e non nos peta que a nosa lingua esmoreza. Por iso vos dicimos: Dende aquí até acolá, galego xa!. Coidar unha lingua é como coidar unha árbore. É síntoma de intelixencia, respecto e responsabilidade. Apreciar o galego e interesarse por el só nos conecta con cousas boas”. Por un galego falado, polo dereito a falalo sen medo, polo dereito a que se respecte. Porque exista en todas as circunstancias sen vergoña. Por un galego de hoxe e para mañá. “Porque falalo é conservalo, é transportalo ao futuro. Fainos mellores. Fainos persoas respectuosas e atentas. Porque nós, e ti tamén, temos o poder de levar o galego dende aquí ate acolá”. Porque é, lingua creativa e valiosa.