Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Exposición de Carlos Pereira

No espazo multicultural Espiral Maior Foro de Carballo, creado polo gran poeta Miguel Ánxo Fernán Vello, Carlos Pereira ofrece a mostra “Symbólica lux”. Nacido en Montevideo en 1959, foi un dos meus dilectos alumnos do Instituto Salvador de Madariaga, en cuxas aulas escoitei os seus primeiros poemas e onde iniciou estudos para o que logo sería unha exitosa carreira como historiador. Pero, dotado dun espíritu inquedo e amante do saber, ademáis dos seus traballos como historiador, abriuse á poesía e ao teatro e, por suposto, ás artes plásticas das que da testemuña esta exposición actual. Nela podemos comprobar, unha vez máis, como nos indica o título de “Symbólica lux” que o universo dos símbolos, que constitue o seu principal motivo de inspiración, ofrécelle un singular abano de configuracións que van dende o Santo Grial a aspectos cósmicos e a mitoloxías fundacionais, como a grega ou a exipcia. “Fillos de Poseidón”, “Peregrinación oceánica” ou “A cidade mergullada”, por exemplo, evocan o fervedoiro ámbito do deus do mar. A serie “Peregrinos” fálanos tamén, por medio de follas voandeiras e de peixes, da eterna viaxe da vida. A árvore da vida, o totémico, o zodíaco, entre outros, aparecen interpretados dun xeito singular que nos achega a ese abano imparable das forzas creadoras e das configuracións que poden representalas. As imaxes da realidade son utilizadas por él para falar de enerxías e de forzas cósmicas que están en continua actividade e orixinan un multiverso de formas que establecen relacións abertas a un arte combinatorio. De aí nace o artellamento de todos os posibeis que se espallan ata o infinito. En “Útero cósmico” prefigura esa potencia criadora da que todo emerxe e se propaga. Con minuciosidade e fervor dibuxístico construe composicións suxerentes e cheas de beleza que atrapan a ollada, pero inmediatamente tamén nos abren ao misterio agochado tralas apariencias, a ese algo indecible e asombroso que non pode nomearse; o visible faille acenos a dimensións ocultas i espirituais as que só é posible achegarse pola intuición. O que fai é verdadeira poesía plástica, danza rítmica de gozosas criaturas: peixes, paxaros, árvores, follas, volvoretas, vieiras, crustáceos, insectos, flores, espirais e seres mitolóxicos que transmiten a idea das imparables forzas ontolóxicas que nos rodean e das innúmeras posibilidades da vida e da creación humana. A traveso delas Carlos Pereira deixa patente a súa capacidade para afondar no misterio e esa sensibilidade artística que é posuida só por aqueles que aman fondamente a beleza e que percuran a verdade que sinten latexar na eterna fonte da primixenia luz, como o acaído título da mostra nos suxire. As súas obras veñen, dalgún xeito, a testemuñar que ten que haber un Gran Arquitecto do universo, un ser dotado dunha inagotable potencia criadora e que o artista ven a ser un medium inspirado polo asombro, a traveso do cal él se manifesta. Achéganos, así, a unha hierofanía que nos permite penetrar nos misterios sagrados.