Espazo ermo
No extenso territorio que se espalla desde as pequenas aldeas galegas ata a inmensidade do espazo exterior, atopamos un ermo que reflicte a realidade do rural galego. “Agora estas terras quedan ermas porque a xente marcha para a cidade” é unha frase que resoa con forza nas conversas dos maiores, aqueles que foron testemuñas da desintegración das súas comunidade co paso do tempo. Este espazo, a miúdo baleiro de vida e actividade, serve como mudo testemuño dun modo de vida que esmorece, onde as tradicións e os costumes ancestrais loitan por subsistir.
Porén, este mesmo espazo ermo está a ser redescuberto por unha nova xeración que procura un proxecto de vida diferente. Persoas, moitas veces procedentes das cidades, ven no rural galego unha oportunidade para construír unha vida máis sostible e respectuosa co medio ambiente. A súa chegada trae consigo novas ideas e prácticas que pretenden harmonizar co entorno natural e social, nun intento de fuxir das imposicións dunha sociedade que perciben como consumista e acelerada.
É como se o rural galego fose un planeta cunha atmosfera única, capaz de albergar unha sorprendente diversidade de vidas. A dos habitantes orixinais, que levan xeracións cultivando a terra e transmitindo saberes tradicionais, cunha forma de vida profundamente arraigada no territorio e nas súas comunidades, vese confrontada cun modelo de vida que se esvaece, arrastrado pola moderna globalización social. Xunto a eles, chegan novos residentes, atraídos pola promesa dunha vida máis sinxela e en harmonía coa natureza. Estas persoas traen novas ideas e ferramentas, pero tamén enfróntanse ao reto de integrarse en comunidades cunha historia e cultura propias.
Velaí a exposición fotográfica “Habitar o baleiro”, que desde o pasado 13 de xuño e ata o próximo 1 de setembro pode visitarse no Museo do Pobo Galego, como testemuño deste territorio galego onde semella que ninguén quere vivir. Un rural que esmorece, e con el, paseniño, un modo de habitar o territorio e a nosa identidade como pobo, ameazado pola falta de servizos, a precariedade e as problemáticas ambientais. Ao tempo, é tamén un espazo onde nacen outros proxectos e formas de vida, cheos de ilusión e esperanza. A mostra, composta por arredor de corenta imaxes captadas polo fotógrafo Brais Lorenzo durante unha década de documentación do rural galego, achega un relato xornalístico que enriquece o valor didáctico das vivencias dos protagonistas coa súa historia. Inclúense imaxes que documentan tradicións, ritos e crenzas propias da cultura popular galega.
A soidade, o illamento, o abandono e a falta de asistencia nalgunhas das zonas máis despoboadas son algúns dos temas abordados, xunto con problemáticas asociadas ao despoboamento, como os incendios forestais e a convivencia cos parques eólicos. É a desfeita, causa da estratexia e das políticas para o mundo rural; ou da falta delas. Neste caso, as imaxes valen máis que mil palabras.