Covardes
Eu nunca entendín moi ben esa admiración pola valentía que ten boa parte da sociedade. Durante tempo ensinábase á rapazada a ser valente, sen saber moi ben que beneficios podería traerte para a vida diaria esta actitude vital. Pero unha cousa é non promocionar a valentía como forma de vida, e outra convivir coa covardía vergoñenta.
E recoñecerlle a covardía foi precisamente o que me provocou o alcalde durante o último pleno. Vergonza de ver como a principal autoridade municipal, o alcalde, escondía a cabeza para non dar unhas explicacións obrigatorias. A covardía impúxose ocultándose tras da norma e non quixo comparecer no propio pleno para explicar que tiña feito para solucionar o tema do transporte escolar, tal como se comprometeu en público ata en tres ocasións. Pode que me equivoque e esa maneira de esconderse non sexa covardía. Pode que sexa inutilidade política. E non sei que é peor: ser covarde ou inútil. Na práctica, comparecer era demostrar que non tiña feito nada para cumprir o seu compromiso. Nada de marzo a setembro. Nada para que o alumnado teña o seu transporte. En sete meses todo o seu compromiso foi unha chamada de teléfono cando o desastre xa era palmario.
É moi triste comprobar que o capitán do barco municipal garda un parecido con aquel capitán Schettino, que cando levou o seu cruceiro ás rochas foi o primeiro en abandonar o barco. Alberto Varela vai un pouco así: leva o barco ao desastre, pero é o primeiro en marchar. Varela é, de entre quen cobra do concello, quen ten máis présa por abandonar o concello cada día, cada semana. Unhas veces para ir á praia, outras para xogar ao pádel e outras marcha para non estar e non facer un traballo polo que lle pagamos. E cando está non quere dar explicacións, nin defender a quen o votou.
Quizais non sexa covardía, inutilidade ou falta de ganas, quizais é que cobrar é o seu único compromiso. Pero algo de covardía ten que haber no grupo de goberno. Alguén se enterou da espantada do alcalde no pleno? Non. Vilagarcía segue a ser un dous poucos concellos que non ten retransmisión dos plenos a través de internet. A pesar de ser unha cidade, a pesar de presumir de modernos, a pesar de ser barato. A cidadanía do concello non pode ver os plenos. Igual hai moito que ocultar. Igual é covardía. Tamén pode ser prepotencia. Ou todo xunto.
