Acordo pantasma
Dez anos despois do Acordo de París, poderíase dicir que o planeta está a seguir o seu curso natural, se non fose porque a natureza, no seu afán por ser pedagóxica, mándanos recados cada vez máis claros. Este verán galego, por exemplo, foi un deses avisos de portas para dentro, unha sorte de advertencia case familiar. Acostumados ao noso clima atemperado, a subida de temperatura que moitos sentiron no propio corpo, e os lumes que se multiplicaron nos montes, serviron de serio recordatorio de que a catástrofe climática non é cousa doutros, nin unha preocupación do futuro. É máis, semella que os nosos veráns, coa súa humidade característica, están a deixar paso a unha sorte de réplica das terras secas, menos amiga do noso xeito de vida.
Os cumios do clima, cos seus discursos grandilocuentes, son pura representación do teatro global, onde os líderes fan promesas con tanta solemnidade como se esfuman despois. Sempre, a mesma coreografía: reunións en lugares exóticos, declaracións de intencións e pouco ou nada substancial. A humanidade, coa súa inesgotable capacidade para a inacción, prefire crer que as palabras poden frear o tempo ou, mellor dito, o termómetro. Mentres, a transición enerxética real, esa que implicaría cambios estruturais e unha verdadeira revolución no noso sistema de produción e consumo, segue a ser unha quimera. A economía global non se desacelerou, e moito menos se transformou, a pesar dos informes científicos que soan cada vez máis como a sirena intermitente dunha ambulancia.
Non se está a facer máis ca un xogo de malabares coa nosa propia existencia. Pintamos de verde as nosas empresas, poñemos placas solares en edificios simbólicos e falamos de vehículos eléctricos mentres a estrutura de consumo de enerxía global continúa sendo a mesma. A realidade é que, mentres se mantén o actual modelo de crecemento infinito nun planeta con recursos finitos, é difícil crer que as boas intencións vaian salvar o día. O Acordo de París, que pretendía limitar o quecemento global a 1,5 graos centígrados, convértese así nunha sorte de pantasma, unha presenza incómoda que nos recorda as promesas e o que, sen dúbida, non se está a cumprir.
O máis irónico de todo é que, a pesar de que a ciencia non para de darnos evidencias, e de que a propia natureza está a mostrar o seu descontento, continúase preferindo mirar cara a outro lado, como se o problema fose do tipo que a única solución aceptable fose a resignación. Pero a resignación non é unha estratexia viable para a supervivencia. A situación de emerxencia climática non é unha hipérbole, é a crúa verdade que golpea as nosas costas, queima os noso montes e quenta os nosos veráns. O tempo das promesas incumpridas e da propaganda verde xa pasou. Se a humanidade quere continuar a súa viaxe neste planeta, é o momento de actuar de verdade, con cambios radicais e sen máis atrasos, porque a paciencia da Terra non é infinita. O tempo si é finito.
