Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
O Salnés

Un total de 45 bandas e artistas pasan á final dos Premios Martín Códax, que celebran a súa festa en Cambados

En Música Tradicional, Airiños da Freba, Cántigas e Frores, e Os da Porfía foron os nomeados, e en Folk foi a quenda de Cuarteto Caramuxo, Oîma e Os d’Abaixo, mentres que Mamá Cabra, Pitusa Semifusa e Martiña Soñadora son os proxectos musicais dirixidos aos públicos noviños que resultaron finalistas na categoría Infantil. En Orquestras, Grupos e Música de Verbena a triada finalista é La Oca Band, Bicoia e América de Vigo, e en Bandas, a Banda Unión Musical de Meaño, a Banda de Música Cultural de Salceda e A Banda de Lombás.

Organistrum

Os Premios Organistrum, que recuperaban nesta novena edición o seu proceder habitual tras a pandemia, tamén tiveron en Cambados o anuncio de finalistas. Na categoría de salas, A Arca da Noe (Vilar de Santos), Sala Karma (Pontevedra) e Sala Rebullón (Mos); na de festivais, Festival de Ortigueira, Canteira Fest (Vilaboa) e Canjazz (Cangas). Os Espazos de Comunicación Musical que chegan á final dos premios son Ondas Indies (Radio Galega), A Xente de Teo e Descúbreas.

Preto de 400 candidaturas

A festa celebrouse en Cambados, como é tradición, pero debido as previsións de choiva trasladouse a Peña, no lugar da terraza de Martín Códax. Alí estivo o seu presidente, Xoán Antonio Allegue, e a presidenta de Músicas ao Vivo, Xiana Lastra. Tamén asistiron o alcalde cambadés, Samuel Lago, a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, e a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces. Allegue reseñou na súa intervención o apoio á cultura “como parte da identidade das bodegas, especialmente no caso da música e destes premios polo seu carácter colaborativo” e manifestou o orgullo de ir da man do conxunto de músicos de Galicia.