Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
O Salnés

Samuel Lago | “Non me cabe a menor dúbida de que o PP aceptaría os votos de Abal para unha moción de censura”

0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620

O goberno cuatripartito de Cambados achégase ao ecuador do mandato con importantes actuacións pendentes, como a construción do novo cuartel da Garda Civil por parte do Ministerio do Interior, a desafectacción de terreos portuarios e de Costas ou a ansiada aprobación do Plan Especial, que permitirá desatascar o ambicioso proxecto para a nova Praza de Abastos. O alcalde socialista, Samuel Lago, repasa a actualidade política e os obxectivos que se marca o goberno local de cara ao que resta de mandato.

Estamos chegando ao ecuador do mandato, que destacaría deste ano e medio de goberno?

En política todo se desenvolve a un ritmo moi lento, ás veces desesperante. É un problema que temos que resolver porque creo que se está agravando en moitos aspectos, xa que cada vez hai máis burocracia. Entón, por responder esta pregunta, este primeira parte, ao final, limítase a sementar. Por tanto, os froitos vanse empezar a ver nesta segunda metade, como, por exemplo, o Plan Especial do Porto, desafectacións de terreos portuarios e das instalacións deportivas, cuartel de Garda Civil, reforma de Casa do Mar... por nomear algúns dos investimentos máis salientables.

A cesión dos terreos de Costas é unha demanda histórica, pero non se incluíron as instalacións do campo de fútbol de Castrelo...

Nós aspiramos a poder mantelo na situación na que está con tarefas de mantemento e conservación, para que se lle poida seguir dando o uso que teñen. É certo que na solicitude se incluía tamén o terreo do campo de fútbol de Castrelo, para o que agora mesmo non hai outra alternativa. En Cambados hai unha actividade deportiva altísima, sen ir máis lonxe, só de veteranos hai cinco clubes. Por iso intentamos tamén conseguir, ao igual que no Pombal a cesión, pero a situación é distinta. No caso do Pombal hai dúas diferenzas significativas con respecto a de Castrelo. Unha delas é que houbo unha concesión previa, que ao non se poder renovar, óptase pola reversión dos terreos, que pasan a ser de propiedade municipal. O outro factor é a antropización, a inclusión na trama urbana. No caso de Castrelo non se dán ningunha desas circunstancias, nin houbo concesión previa, senón que foi feito “daquela maneira” e, ademais, está dentro dunha zona que é un espazo que non está urbanizado, polo que non foi posible conseguir a cesión. Non obstante, non temos que deslucir o acadado no Pombal por non conseguir o cen por cento das nosas pretensións. Creo que o do Pombal é un avance significativo, no que levabamos moitísimo tempo loitando. Isto permitiranos, entre outras cousas, facer investimentos, porque o problema que temos ata o de agora é que non podemos facer ningún inversións nun solo que non é de propiedade municipal, o que acaba derivando en que as instalacións vanse avellentando e necesitan unha renovación, pese as tarefas de mantemento e conservación, que nunca se deixaron de facer. É o caso da cuberta do pavillón, por exemplo, ou o tapete do campo de fútbol, que serán os próximos investimentos que fagamos.

O Plan Especial de Ordenación Portuaria parece máis cerca que nunca...

Si, está a piques de aprobarse, tas moitas voltas. Houbo unhas discrepancias, eu creo que ás veces por falta de comunicación, entre Portos de Galicia e Costas do Estado, onde cada un quería ter razón e ata que tomamos cartas no asunto e mediamos, non se puido desatascar. Agora, tras unhas pequenas modificacións, precísase de novo do visto bo de Urbanismo, pero é algo menor e co que non vai haber ningún problema. Tras este paso, e cos informes técnico e xurídico municipais, levarase a Pleno. Isto ábrenos as portas a que no porto de Tragove, que aínda ten parcelas dispoñibles, se podan facer investimentos e, de feito, xa hai empresas interesadas en facer investimentos importantes de carácter privado.

No caso da construción da nova Praza de Abastos está o financiamento asegurado?

Este proxecto contaba cun convenio e que se financiaba a tres bandas. O Ministerio de Vivenda mostrouse favorable a reactivar esta financiación, aínda que sen ningún compromiso de cifras, e xa temos solicitado unha reunión coa Consellería de Comercio. É certo que temos que actualizar os prezos, xa que o proxecto que temos na mesa é do 2014 e probablemente o teñamos que modificar ás circunstancias actuais, porque os prezos, evidentemente, do 2014 ao 2025 se incrementaron moitístimo. Así, dos máis de tres millóns nos que estaba orzamentado fai unha década pódese disparar ao dobre.

Un dos temas que marcou o mandato foi o peche do asilo e a reclamación de máis prazas residenciais en Cambados e na comarca, como cree que debe abordarse esta cuestión?

Nós témolo moi claro, non podemos asumir máis competencias. A potestade en materia de servizos sociais é unha competencia autonómica. Os concellos vivimos asfixiados financeiramente, estamos a asumir unha cantidade de competencias impropias que non nos permiten asumir máis. Que nos pidan a nós, que sexamos quen adquiramos o inmoble e que poñamos en marcha a residencia de anciáns é botar balóns fóra e un acto de irresponsabilidade absoluta por parte de quen te facelo, que é a Xunta de Galicia. Nós non podemos nin competencialmente nin economicamente asumir unha residencia de anciáns.

E sobre a proposta da Mancomunidade? 

É unha patraña, algo que me parece ata ridículo. Venderon como unha xestión da Mancomunidade unha proposta sobre a posta a disposición de terreos para a construción dunha residencia privada, cando realmente as empresas que se dedican a iso xa nos visitaran a todos e a cada un dos municipios da comarca. Apenas propoñen un 10% de prazas a prezo reducido.

Desde Política Social tampouco se responderon as peticións de reunión do Concello...

É algo que me indigna moito. Intentámolo por carta ordinaria, correo electrónico, por teléfono e ata en dúas ocasións en persoa. É unha deslealdade moi grande ao pobo de Cambados.

Falando sobre competencias impropias, os concellos denuncian estar afogados...

Por exemplo o SAF está causando un buraco nas arcas de todos os municipios. Cambados ronda agora mesmo o millón de euros anuais, dos cales a Xunta nos tería que abonar o 100% cando se limita á metade, cando só aporta a metade. Pagamos entorno a 22 euros a hora e recoñezo que é escaso. A concesionaria ten que ter uns beneficios e a xestión conleva moitos gastos, pero ao final o salario que lle queda ás traballadoras está entorno ao salario mínimo, unha cuantía é moi escasa, pero nós necesitamos apoio da administración que ten que sufragar ese gasto para poder darlle uns salarios dignos a esas traballadoras. Mesmo caso coa Escola Infantil Municipal ou o Conservatorio de Música. Servicios deficitarios que limitan a financiación do Concello.

Importante tamén e a construción do novo cuartel...

Non vou a ocultar o meu malestar por todo o retraso que leva. Creo que se fixeron as cousas mal, pero tamén creo firmemente que vai ir adiante. Hai un compromiso firme, tanto do propio ministro como da directora xeral da Garda Civil, como do subdelegado do Goberno en Pontevedra, de que ese cuartel vaise a facer. Aí houbo uns erros, tanto técnicos como políticos, sobre todo, na falta de toma de decisións áxiles. Fíxose borrón e conta nova, o cal non me parece mal. É certo que agora vaise a atrasar, pero vendo o ritmo que levaba e os conflitos coa concesionaria faise preciso empezar de cero, pero facéndoo ben, empezando por un bo estudo xeotécnico, que detecte cales son os problemas que hai no chan, porque no estudo xeotécnico inicial —que entendo que non foi correcto— non se detectou ningún problema. Non podo dar datas, pero neste ano 2025 van estar reanudadas as obras seguro.

Cando se prevé que esté redactado o novo proxecto?

A previsión é que neste primeiro trimestre do ano esté a redacción do proxecto lista e no segundo se inicie a licitación. Os prazos aínda non están vencidos e estamos vixiantes para que se cumpran e que vaian, incluso, máis rápido do normal, tendo en conta o retraso que acumula.

O PP pide agora que Vilagarcía tamén teña un cuartel propio.

Algo incomprensible para min. O goberno de Vilagarcía ten perfectamente asumido que o cuartel da Garda Civil ten que estar en Cambados e cónstame que teñen proxectos alternativos para ese espazo. Entendo que o PP faino por un rédito polítco, pero cústame comprender que o PP de Cambados e de Galicia lle den cabida a esa pretensión. É un agravio aos veciños de Cambados, ademais de estar creando unha revalidade completamente innecesaria.

Comentaba que na segunda parte do mandato é cando se recollen os froitos, cales son as metas?

Temos obxectivos importantes. Dentro do punto de vista do turismo, por exemplo, estamos buscando saírnos un pouco da campaña de atracción turística e centranos máis na diversificación e na desestacionalización e xa se están a empezando a recoller os froitos. Os últimos datos turísticos que recolle a Mancomunidade están mostrando que Cambados incrementou o número de turistas con respecto a de visitantes. É un factor moi importante, xa que o turista é aquel que pernoita na vila e que, por liña xeral, deixa maiores ingresos na hostelería e no comercio local. De feito, estamos agora nunha media de máis de catro días de pernoita. Tamén apreciamos, aínda moi lentamente, unha certa desestabilización. Por exemplo, o Parador bateu este mes de xaneiro o seu récord de facturación. Así, buscamos tamén diferenciarnos con respecto doutros municipios que ofrecen un turismo máis de sol e praia. Nós ofrecemos gastronomía, que dicir do enoturismo e a enoloxía, un patrimonio histórico, cultural e arquitectónico brutal... Estamos tamén tratando de explotar o turismo natural e paisaxístico coa inauguración de distintos puntos que funcionan como espazos de lecer con boas as vistas. Miradoiros que con moi pouco investimento están tendo moito éxito.

Para ese e outros obxectivos é preciso que haxa unha estabilidade, como é a situación do goberno en coalición?

Evidentemente non se pode negar que nun goberno multipartito non todos temos a mesma opinión e non sempre coincidimos ao cen por cento, pero creo que nos imos entendendo. É certo que hai diferenzas, pero nunca chegou nin chegará o sangue ao río. Non todo son inconvintes. O feito de ter catro perspectivas e puntos de vista diferentes tamén achega ideas distintas.

Hai coordinación entre as distintas faccións do goberno?

Cada un dentro das súas competencias ten a máxima autonomía, porque así o acordamos no acordo de goberno, pero esa autonomía tampouco implica independencia. A coordinación das actuacións recae na Alcaldía.

No runrún político sempre se fala dunha posible moción de censura ou saída do goberno de Abal...

Esa posibilidade sempre existe, pero non creo que chege a ocurrir. Ten autonomía para traballar dentro do goberno e non vexo argumentos nin motivos políticos. É evidente que o PP, a pesar de que bote sapos e culebras falando de José Ramón Abal e o ataca tanto no político, coma moitas veces no persoal, non me cabe nin a menor dúbida de que aceptaría os seus votos para unha moción de censura.

Foi polémica a non comparecencia na comisión de seguimento do pacto de goberno de Abal, convocouse unha nova sesión?

O certo e que todos os vernes temos xunta de goberno e aí debatimos e falamos dos asuntos que nos preocupan no goberno e que dalgunha forma está suplindo a comisión. Independentemente a convocatoria farase, pero que aínda non se levara a cabo non quere dicir que non haxa comunicación entre os socios de goberno.

Hai tamén unidade no goberno co peche da Praza de Asorey?

Nós estamos convencidos que vai a ser positiva para todos, incluso para os comerciantes que agora se opoñen, pero considero que se debería de ter feito de forma diferente, tanto no momento como na forma. Eu apostaría por iniciar a peatonalización na temporada estival e, con respecto a forma, creo que se debería de haber explicado mellor e consensuado cos afectados, así como ofrecer outras alternativas de estacionamento. No fondo si estamos de acordo todos os socios do goberno en que a peatonalización vai a ser positiva.

Tras as queixas de asociacións patrimoniais pode correr perigo a organización de eventos na Praza de Fefiñáns?

A Praza de Fefiñáns é un lugar único, onde os eventos teñen un marco incomparable. Non debemos deixar, na miña opinión, a Praza de Fefiñáns baleira de contido. Ten un valor patrimonial e arquitectónico moi alto, pero hai que recordar que o que está protexido é o Pazo. Sería desaproveitar ese espazo non facer eventos nela, extremando sempre as precaucións.

Actualmente estase executando unha obra importante de saneamento no casco urbano.

É certo que a sua execución creo que non se está facendo correctamente, pero a obra é moi importante para a salubridade e o saneamento da Ría, non pode ser que aínda a estas alturas continúen a existir verquidos fecais á Ría de Arousa e a única forma de abordalo e a separación das redes pluviais e de saneamento.

Apréciase unha certa descoordinación na execución...

Aí executáronse dúas obras, unha do Concello na marxe dereita e a que executa Augas de Galicia. Fixemos reunións de coordinación que ao final o aí pactado non se cumpreu. Esa obra tiña que estar rematada antes do ano 2024 para poder empezar a actuación municipal, pero ao final tívose que iniciar porque se nos acababa o prazo para executala sen que Augas de Galicia cumprira coa súa parte. É unha obra moi necesaria, pero que na súa execución está deixando moitas discrepancias. Por exemplo coa pavimentación, que por motivos económicos da empresa, decidiron tapar provisionalmente con barro as gabias, o que causou moitas molestias aos cidadáns e non creemos que fose de recibo.

Como é a relación agora coa Mancomunidade?

Nós sentímonos traizoados por dous motivos. O primeiro, a moción de censura, que non debería de haberse producido, porque a Mancomunidade non é un órgano de debate político, senón que é unha asociación voluntaria de municipios; mentres que o segundo é o nombramento de Sabela Fole como vicepresidenta, cando é allea a xunta de alcaldes, co que se pervirtiu a composición da comisión executiva, no que había cinco municipios gobernados polo PSOE e catro polo PP. Esa maioría debe respectarse porque somos unha asociación e non un parlamento. Por elo, o Partido Socialista solicitou modificar os estatutos para eliminar o criterio político da elección da presidencia, propoñendo unha rotatoria entre os municipios membros para despolitizala na medida do posible. Aí está o punto clave para a sostibilidade desta organización, xa que hai concellos que están dispostos agora a marcharse e outros en disminuir os servizos mancomunados.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620