
Para chegar a ser unha referencia a nivel Obstetricia en toda Galicia, o Hospital do Salnés conta coa implicación de todo o seu persoal, desde as matronas aos médicos, pasando por enfermeiras, dirección ou o departamento de administración. Eles encárganse de que tanto a nai como ao bebé non lles falte de nada e que a comodidade e a confianza reinen durante todo o proceso.
Desde o minuto un. Para iso, o Hospital conta cun rigoroso plan que comeza co embarazo. Na semana trinta, ten lugar unha charla colectiva onde se lles fala ás embarazadas das opcións de parto, para que elixan o seu propio plan, explicando as vantaxes do leite materno. “Partindo de que é o alimento da nosa especie, ademais a nai protexe o sistema inmunitario do bebé nos meses no que máis débil está, producindo anticorpos. Na idade adulta, hai unha menor incidencia de diabetes, obesidade ou hipertensión e, nos casos das nais, menos casos de cáncer de mama e ovarios”, explica a matrona Eva Paredes.
Ela é a encargada de dirixir a consulta de lactación, unha antiga sala de reunións que agora se acondicionou para a maior comodidade das familias. Esta iniciativa xurdiu hai un ano do propio persoal, ao darse conta de que a atención rotatoria, durante as gardas, non era a idónea para as consultas unha vez que se chega co bebé á casa. “Non veñen con manual de instrucións”, recorda Conchín Abellás, directora de Enfermería. A maior parte das dúbidas teñen que ver, explica Paredes, coa dor durante o agarre, con que o neno non colla o peito ou xa cando as nais se teñen que reincorporar ao mercado laboral. “Preguntan como hai que extraer o leite e conxelalo ou como teñen que destetar”, sinala Paredes.
O oitenta por cento das nais acoden coa decisión tomada da lactación materna. Algunhas son indecisas e reciben a información “científica” sobre as vantaxes de dar o peito, entre as que se atopa tamén o apego, pero as que se inclinan pola opción do biberón tamén contan co asesoramento do persoal do Hospital.
Pioneiro en acompañamento
Aínda que antes deste momento, chega o do parto. E nesta fase, o tratamento empático e tamén o selo do Centro de Ande, pioneiro á hora de impulsar o acompañamento das nais en todos os casos, incluíndo a cesárea, así como o “pel con pel” entre nai e bebé, sempre que é posible, desde o minuto un. “Vamos moi por diante doutros hospitais que comezan a facelo agora”, explica Sol Montenegro, matrona en Rubiáns. Á hora do parto, as axudas para facelo todo o natural posible son múltiples. Na sala, que está deseñada para inspirar tranquilidade, hai bañeiras, camas reversibles por se fai falta un parto instrumental ou lianas para aliviar a dor lumbar durante as contraccións.
Na auga quente, favorécese a dilatación. “Cando chega o momento do expulsivo algunhas optan por saír e ira para a cama e outras queren quedar na bañeira porque están a gusto”, explica Yolanda García Freijeiro, supervisora da área materno infantil.
Balóns, duchas ou quentadores son outras das ferramentas que se atopan na Unidade de Traballo do Parto e a Recuperación, na que o persoal combina a formación e a investigación, con técnicas que beben da tradición das parteiras mexicanas, como o manteo. Consiste no “reboce” (tamén ten este nome) da parturiente cunha tea arredor da barriga o da zona lumbar, para os casos nos que o bebé se encaixa, tentando de inmobilizar dita área e facer que non sexa tan molesto. “O que empezan a facer noutros hospitais, aquí leva anos implantado”, explica Carlos Pol, subdirector de Enfermería.
O selo “Amigo dos Nenos”
“As compañeiras vanse formando e despois son elas as que forman ao resto do persoal”, explica Abellás. É un labor arduo, pero os resultados están aí: O recoñecemento ao traballo do Hospital do Salnés se materializa, desde 2005, no selo IHAN, “Hospital amigo dos Nenos”, en proceso de reacreditación para 2024.
“Cada vez é máis complexo”, apunta Abellás. “Agora xa non vale con que teñas unha serie de cursos, veñen os auditores a ver como fas. Require unha actuación constante”, secunda Pol.
Máis alá deste recoñecemento oficial, o oficioso está claro. O descenso da natalidade permitiu ao Hospital abrirse a embarazadas de áreas próximas, como Santiago, e a resposta é clara. Tamén entre os profesionais que, procedentes desde distintos puntos de Galicia, escollen incorporarse á familia de Ande.