Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
O Salnés

Pepe Álvarez, Cebola de Ouro 2025: “Eu era coñecido como ‘Pepe o de Dorrón’. Xa forma parte de min”

Orixinario de Pontevedra, pero cunha ampla traxectoria vital e profesional no concello de Sanxenxo, Pepe Álvarez recibe este ano a Cebola de Ouro 2025, un recoñecemento inesperado e polo que se mostra moi agradecido e ilusionado. O seu percorrido na localidade comezou no ano 1979 no Colexio Magaláns de Dorrón, onde exerceu como profesor durante 20 anos, trasladándose posteriormente ao IES Sanxenxo, onde formou parte do profesorado e do equipo directivo outros 14 anos.

Agora, xa xubilado, segue mantendo o seu vínculo co municipio a través das asociacións cuturais, sobre todo a Asociación Andarela, coa que realiza anualmente diversos roteiros polo patrimonio arqueolóxico e cultural de Sanxenxo.

Como foi o momento no que lle dixeron que recibía o galardón?

Eu recibín a noticia nunha reu­nión co alcalde, pero non me dixeran que era para dicirme o do premio. Entón, foi alí cando mo comunicaron. Eu a verdade é que pensei que era un encontro doutro tipo, aínda que si que había posibilidades de que fose para iso, porque eu sabía que había xente que me propuxera para o premio, pero pola miña cabeza nunca pasara que me puidesen dar esta distinción.

Que significado ten para vostede este recoñecemento?

É unha alegría porque quere dicir que, polo menos, gran parte das personas coas que eu traballei –ás que lle dei clases e coas que me relacionei– pois estiman dalgunha maneira o traballo que fixen con elas. Entón claro, sempre é un agradecemento, pero o que máis me está gustando é a unanimidade sobre as persoas elixidas, tanto eu como a outra compañeira premiada.

Gran parte do motivo de ser escollido é pola súa traxectoria como mestre no municipio. Como recorda esa etapa da súa vida?

Lémbroa con moito cariño. Eran outros tempos, podíanse facer actividades que hoxe en día a maior parte do profesorado non pode, debido a esa sobrecarga de traballo burocrático que invadeu todo o mundo do ensino. As actividades que facíamos nós en Dorrón, como levar ao alumnado ao monte para estudar alí a vexetación, ou o patrimonio, as mámoas, as sepulturas megalíticas… ou mesmo ir traballar ás praias para ver os ecosistemas do litoral, iso agora é totalmente imposible.

No instituto de Baltar cambiaba un pouco a dinámica porque eran actividades moito más reguladas, pero foi unha etapa tamén apaixonante. Era un centro que facía pouco que empezara a funcionar e houbo que facer moitísimas cousas.

Hai algunha anécdota en particular que máis lle faga recordar eses anos?

Sobre todo actividades que, se o penso agora, sorpréndeme a confianza que depositaban en nós os pais e nais. Por exemplo, a primeira viaxe cultural que fixemos que tíñamos o diñeiro xusto, de forma que iamos vendo o que nos quedaba para poder seguir avanzando: a ver se podiamos chegar a Salamanca, a Ávila… ata onde dese. Ademais, en tendas de campaña, algo impensable hoxe en día. Recordo tamén que nos tocara o reintegro da lotería e aínda puidemos pasar un día máis de viaxe.

Este tipo de cousas son as que sigo recordando con moito cariño, que a día de hoxe se poden considerar políticamente incorrectas.

Segue mantendo relación con alumnos e mestres daquela época?

Si, si! Co alumnado aínda me atopo con algún e hai uns anos comezaron eles a facer reunións e ceas ás que eu fun, así como outros mestres. Pero, sobre todo, nos últimos tempos a través das asociacións culturais da zona, fundamentalmente con Andarela, cos roteiros para divulgar o patrimonio.

Como comezou a relación con Andarela para dar a coñecer o patrimonio do municipio?

Eu penso que entraron en contacto comigo a raíz de saber algunhas desas actividades que faciamos no colexio, co fin de facer excursións guiadas pola zona. O máis importante que fan é o roteiro das mámoas, que chamamos o de ‘Chan de Gorita’, que sempre se fai unha ou dúas veces ao ano e é ao que máis xente vai. Temos feito outros como o roteiro das salinas ou o dos cruceiros de Nantes. Son excursións moi interesantes porque non só lle explicamos nós ao público asistente, senón que eles tamén nos poden explicar a nós.

Por que son tan importantes estes roteiros para vostede?

En primeiro lugar, porque dan a coñecer un patrimonio que está practicamente esquecido e a sociedade ten que coñecer o seu pasado. Segundo, porque nun municipio turístico como Sanxenxo o patrimonio é fundamental, porque cada vez hai máis persoas interesadas polo que poidamos ofrecerlle a nivel cultural, non só a praia. E terceiro, todo isto leva a que se respecte e se coide, e Sanxenxo ten un patrimonio moi rico.

Pese a non ser orixinario de Sanxenxo, leva moitos anos viculado ao municipio. Que significado ten para vostede a localidade?

É parte da miña vida. Cando un pasa 34 anos alí traballando e ademais nacen os teus fillos e se educan nos centros de alí... Eu non me sinto para nada alleo ao concello de Sanxenxo, todo o contrario. En moitos outros sitios de Galicia nos que estiven por reunións pedagóxicas, eu era coñecido como ‘Pepe o de Dorrón’. Xa forma parte de min

Que expectativas ten sobre o acto de entrega da Cebola de Ouro?

A verdade é que non o sei. Eu penso que teremos que agradecer que tivesen pensado en nós para darnos este premio e creo que será moi emotivo, tanto para as dúas persoas que fomos distinguidas, como tamén para moitas das persoas asistentes. Hai unha certa ilusión pola miña parte.