Nicolás Meaño (Aires Novos): “Cando imos pedir polas casas dinnos: pero xa estades aquí outra vez?”
Nicolás Meaño é o presidente de “Aires Novos”, asociación de Castrelo que naceu para non deixar morrer as festas patronais. Para financialas e “darlle un cambio á parroquia”, crearon numerosos eventos pero, neste camiño, di Meaño que o máis difícil foi “que a xente se fiase de nós”.
As festas patronais que organizades son tres. Cóntenos cales e como van.
Moi ben. As festas melloraron moito. Temos á nosa patroa, que é o primeiro fin de semana de maio, que é Santa Cruz e Santo Antonio. En xullo temos San Cristovo e en agosto a San Ramón e San Roque.
Di que melloraron moito. Por que?
Traballamos moito para conseguir máis cartos. Dende campañas de rifas, publicitarias ou outras festas que facemos para recadar cartos, para con ese diñeiro ter mellores orquestras e máis días de festa. E, despois, que a xente tamén se anima e cada vez vai aportando un pouquiño máis.
É difícil que a xente dea cartos?
Costa, pero nestes tres anos vimos a suba na xente, a ledicia, e que cada ano nos dan un pouquiño máis. Tamén é verdade que é moi complicado porque hoxe é moi custoso facer unha festa e á xente tampouco lle sobra, dános cada un o que pode. Estamos falando de que cada día de festa son uns 20.000 euros.
O máis caro son as orquestras.
Obviamente. Pero bueno, contamos con moi boas orquestras. Tivemos á Olympus, París de Noia, Asia, Marbella, Charleston... Pero tamén os prezos son moi elevados.
Ó organizar tantas festas, estarán todo o ano metidos en eventos...
Non hai parada. De feito é a broma xa nestas últimas festas patronais do ano. Cando imos pedir dinnos: “pero xa estades aquí outra vez?” Cada dous meses hai festa e cando acabas unha xa tes que pedir para a seguinte. E co resto de actividades que se fan, estás todo o ano. Agora xa nos temos que poñer de cheo coa Mostra dos Viños do Mar, e cando remata, xa te pos coa Cabalgata de Reis.
"Vin xente de oitenta e pico anos chorando por coller caramelos na porta da casa na Cabalgata de Reis. É incrible a ilusión que lles fai"
Agradécelles a xente que non se perderan as festas?
Dende logo. Aínda que é cansado e nos quita moito tempo das nosas vidas, o día que chega a festa e ves o campo cheo, ves que pagou a pena o esforzo, sobre todo cando vimos de que a festa xa fora a menos e ía moi poquiña xente.
Foron quen de darlle eses “aires novos” ás festas, logo?
Penso que si. Os veciños están contentos e, sobre todo, creo que é moi importante que a xente nova se queira meter a isto. Eu cada vez que vén un rapaz de 15 ou 16 anos a querer botarnos unha man, penso que aí estamos logrando algo. Porque se non, non vai haber futuro. Se non hai rapaces que sintan orgullo das súas festas e da súa parroquia, isto antes ou despois acábase. Isto non é para a mesma xente toda unha vida, porque é cansado.
Tamén participaron no programa “Bamboleo” da TVG. Como foi?
Fomos e ata gañamos, sen contar. Foi unha experiencia moi satisfactoria, rímonos moito e vimos cun premio que puidemos rifar e conseguir unha aportación económica para a axuda das festas.
Se só podo ir a unha das festas patronais, cal me recomendaría?
Sen dúbida iría a Santa Cruz. Unha por ser a patroa e outra porque é a época do ano na que nos permiten os prezos traer unha orquestra de máis nome.

Como xurdiu a Mostra dos Viños?
Xurdiu porque en Castrelo somos case todos viticultores e indo a outras festas do viño pensamos que se podía facer na parroquia. Penso que é o que máis mérito ten do que facemos. Tamén o máis custoso. Dános tanto ou máis traballo que o que podemos facer o resto do ano. A nivel axudas, burocracia... E de que hai 50 persoas traballando na festa de maneira gratuíta. Pero non é facer unha festa e xa está. Estás vendendo imaxe das 10 adegas que temos na parroquia e das que veñen convidadas, e hai que facelo con moita calidade. Facela vale máis de 20.000 euros e recuperalo e non perder, non é fácil.
Do Adro Fest que me pode contar?
Tiñamos a idea pero dábanos moito medo perder cartos. Entón o primeiro ano financiáronos empresas da parroquia, e foi un éxito. Repetimos o ano pasado e foi moito mellor. Este ano estivo ben, pero quizais fallamos na data, esperabamos máis afluencia, pero competiamos con moitos eventos na contorna. Teremos que darlle unha volta, pero en xeral foi a festa na que máis logramos recadar para as patronais. O ano pasado deunos de beneficio 8.000 euros. É moi bonita, emotiva, e fala moi ben de nós como parroquia, porque sempre premiamos algún adegueiro ou viticultor.
E da Cabalgata de Reis?
O Concello fai unha Cabalgata fabulosa, pero as parroquias quedan un pouco abandonadas porque o día 5 suele ser laborable e hai nenos que non poden baixar ó centro. E, sobre todo, a xente maior. Eu vin xente de oitenta e pico anos chorando por coller caramelos na porta. É incrible a ilusión que lles fai.
Sen pensar nos cartos, que lle gustaría facer en Castrelo?
Impulsaría a festa dos viños. Pediría ás administracións que aposten por ese tipo de festas. Estamos vendendo o noso modo de vida e é importante impulsar estas iniciativas que falan da calidade dos nosos viños e gastronomía.