
A parroquia sanxenxina de Dorrón volveu acoller onte a Muíñada. O evento viviu a súa quinta edición da man da Asociación Soalleira tras dous anos de parón obrigado polas restricións da pandemia.
Os organizadores traballaran arreo para acoller a reunión veciñal nun día cargado de actividades, que comezou ás 11:00 horas co roteiro pola contorna dos muíños. Este ano os asistentes puideron facela a través dunha senda fluvial renovada tras as obras iniciadas hai un mes.
Mari Agís, membro de Soalleira, explicaba esta fin de semana que “levamos unha grata sorpresa” cando se achegaron a visitar a zona ao comprobar que a maior parte dos tramos do roteiro poden facerse camiñando á beira do río. O traxecto arrinca no Muíño de Xián e termina no da Costa, onde tiña lugar o resto de actividades previstas.
Ás 12:00 horas programábase a actuación do grupo de gaitas Soalleira para dar paso unha hora máis tarde ao concurso de empanadas de millo. O xurado estivo formado por un membro da asociación e dúas persoas especializadas en gastronomía, que foron os encargados de outorgar o premio de 100 euros á mellor empanada.
Churrascada e máis festa
Para as 14:00 horas marcábase a churrascada, con racións a sete euros e pan con chourizo por 2,50 euros. A organización preparou espazo nas mesas para 420 persoas e xa nos días previos se recibiran numerosas reservas, animando ademais a veciños e visitantes a acudir e desfrutar do día: “Nunca quedou fóra ninguén”, puntualizaba Mari Agís.
Pola tarde, houbo tempo para un espectáculo de maxia para público infantil a cargo do Mago Noel e unha nova actuación dos integrantes de Soalleira. A partir das 20:30 horas encacargábase á charanga Fanfarria Furruxa animar o ambiente ata o final da festa.