
O Concello de Meis firmou hoxe coa asociación Terras Altas do Salnés un convenio que articula unha aportación municipal de 3.000 euros para financiar o Festival de Jazz de A Armenteira. A cita musical terá lugar a mediados do mes de xullo e alcanzará a que será xa a súa novena edición.
A firma do acordo tivo lugar na Casa do Escudeiro, con presenza da alcaldesa, Marta Giráldez. A rexedora destacou que esta cita musical “é un dos eventos máis importantes do concello”. Por iso, recén chegada á Alcaldía, en 2019, o goberno local decidira aumentar a aportación municipal, que desde 2020 pasou a ser desta cantidade económica. “Cremos firmemente neste evento, ten unha categoría importante, enche de cultura a parroquia e faino, ademais, nun lugar tan emblemático como é o mosteiro de A Armenteira”, valorou Giráldez.
Este é un dos poucos convenios nominativos que mantén o Concello meisino, sendo Terras Altas do Salnés a única asociación incluida neles, máis aló das ANPA da vila. Para o resto de entidades socias, asociacións e clubs, o Concello opta pola articulación de subvencións por concorrencia.








