Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
O Salnés

Maruja Cacabelos, Cebola de Ouro 2025: “Eu agora xa quero retirarme, entón así xa aproveito para dicir adeus”

Maruja Cacabelos dedicou –xunto ao seu home– toda a súa vida ao mundo do campo, aproveitando a riqueza das súas fincas e a gran extensión dos seus terreos, que lle permitiron chegar a abrir ata dúas froiterías no concello de Sanxenxo.

A calidade dos seus productos evidenciábase coa súa fidelizada clientela, que mesmo agora continúa destacando a súa boa materia prima: “cando saíu o anuncio de que me daban a Cebola de Ouro, algúns restaurantes aínda comentaron no Facebook que mercancía como a miña non a había no mercado”, comenta Cacabelos.

Entre os seus cultivos atopábanse as cebolas, un producto que non tardou en querer destacar na recoñecida feira sanxenxina, pero non polo seu sabor, senón pola posibilidade de facer figuras con elas ou ter a ristra más longa, chegando a conseguir ata máis de 20 premios nestes anos.

Como foi o momento en que recibiu a noticia do galardón?

A verdade é que foi un secreto, pois chamaron do Concello e a miña filla díxome que tíñamos que ir a unha reunión, e eu pensaba que era a que se fai todos os anos antes da Feira da Cebola, a semana antes ou así. Entón, eu iba engañada, e ao chegar alí vin que non había ninguén máis e dixen eu: “aínda non veu ningunha das ceboleiras”. Pero unha concelleira díxome de ir xunto ao alcalde e cando cheguei alí xa me deron a noraboa e colléronme de sorpresa.

Que significa para vostede este recoñecemento?

A min faime moita ilusión, de verdade, porque son moitos anos participando e vendo como entregaban os premios. Ademais, eu agora xa quero retirarme, entón así xa aproveito para dicir adiós co premio. Depende de como me encontre para o ano que vén, pero o máis probable é que si, que este ano sexa o último. Foi unha época moi bonita da miña vida.

A súa nominación foi grazas á súa longa traxectoria na Feira. Que a levou a comezar a participar?

Empezaron a dicir que daban premios por facer cousas coas cebolas ou por a ristra máis grande,  e quixen participar. Mesmo houbo anos que levei dous premios, tanto por ristra como polas figuras que fixen.

Téñennos dito a nós (ao seu marido e a ela) e ás demais ceboleiras cousas como: “da gusto con vós, sempre participades e facedes cousas e así a Feira sempre colle un pouco máis de auxe”.

Como recorda as primeiras edicións? Cambiou moito a Feira da Cebola a como é agora?

Agora vai a menos. Antes viña xente de Noalla, Bordóns, Nantes, Dadín, Viliquín... viñan doutros concellos, que bueno, tamén veñen agora, pero a Feira era o doble do que é.

A xente traballa menos no campo, e incluso moitas das persoas que veñen á Feira non cultivan elas a cebola, senón que a compran. Antes estaba mellor.

Hai algunha das súas creacións que recorde con especial cariño ou que máis lle guste destacar?

Teño moitas. Recórdoas casi todas, pero a máis pintoresca creo que foi o novo templo de Sanxenxo. Era moi bonita e ben feita, e mesmo as cachas das cebolas fíxenas así en redondo como se foran tellas de verdade. Despois incluso lle botei un bárniz e brillaba, que a ves agora nas fotos e está preciosa. Esta foi entre o  ano 2012 e o 2014.

Pero tamén fixen o apóstolo Santiago, o botafumeiro da Catedral de Santiago... fixen moitas cousas.

Que ten preparado para este ano?

É sorpresa. É unha cousa relacionada con pobo de Sanxenxo, pero é secreto.