
Hai moitas cousas polas que poder facerse coñecido. Avelino Aragunde de la Torre gañouse a fama en Cambados a base do seu bo carácter, humor e xenerosidade. Os seus veciños chórano desde onte, día no que faleceu aos 78 anos, logo de estar batallando os oito últimos co cancro.
Avelino fixo vida no mar e cando decidiu volver a terra, rexentou unha droguería coa muller e logo el púxose a atender o Beiramar. O bar era dos máis frecuentados daquela época en Cambados, porque era onde os mariñeiros ían cobraban o “quiñón”.
Cando nin sequera había que cobrar e os apuros apretaban a alguna familia, Avelino axudaba a quen o precisara.
Así o recordaba onte o concelleiro Xurxo Charlín, que lembra na súa nenez aqueles tempos nos que comezou a coñecer a aquel “home bo e moi, moi querido, que axudou a tantas familias”.
As mostras de pesar sucedéronse en toda a vila e nas redes, como as da concelleira e exalcaldesa Fátima Abal, ou o actual rexedor, Samuel Lago.
Exequias
O velatorio é no Tanatorio do Salnés, sala 2.
Hoxe, ás cinco e media da tarde, sairá a condución do corpo cara o cemiterio parroquial de San Benito de Fefiñáns. O funeral será ás seis na igrexa.