Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Elecciones 2023

María Vales | “A xente decide nas urnas. Se queren a un machista gobernando, aí o teñen”

María José Vales é natural de Currás, pero vive en San Miguel de Deiro. Ten 47 anos, é mariscadora e foi patroa maior de Vilanova durante dous mandatos. É concelleira do PSOE desde 2011 e, agora, asume o reto de liderar a candidatura como alcaldable socialista.

Como decide dar este paso?

Polo apoio do PSOE. Ademais, levo moitos anos na política. O feito de ser patroa maior deume táboas nas administracións para saber como se gobernan, como se falan... A verdade, entrei en moitas estancias públicas, desde Europa ao Parlamento español. Vinme capacitada para dar este paso e deino.

O alcalde popular retiroulles o diálogo en Pleno ao considerar que o PSOE non fixo unha condena rotunda das tentativas de prenderlle lume á casa e ao coche. Vostede condena abertamente estes feitos?

Xa o condenei no seu momento. Foi condenado tanto polo PSOE, como por min mesma, nas miñas redes sociais, porque eu condeno todo isto. Pero non vexo necesario andar a condenar seguido. O que faga a Xustiza é outra cousa. Terán que investigar.

Será posible normalizar as relacións entre PSOE e PP no vindeiro mandato?

Iso haberá que preguntarllo a el (ao alcalde). Nós nunca lle cortamos a fala a Gonzalo Durán, nin a ningún concelleiro. Eu son unha persoa moi faladora. Non teño problema con ninguén. Quen debera dar o paso será quen quitou a fala.  Que o goberno non nos conteste é unha falta de democracia, porque non se lle contesta a un grupo que está aquí porque nos vota a xente de Vilanova.

Que valoración fai deste mandato?

O Concello está abandonado totalmente. Non hai nada. Non se fan nin grandes obras, nin se fai que a xente comparta cousas... Este Concello está como no tempo de hai moitos anos, non avanzamos.

Algunha actuación coa que non estea de acordo?

A min non me gusta criticar. Eu veño expoñer o que nós imos facer. Quen ten que criticar é a xente nas urnas. Non quero entrar en debates de se se fixo ou non se fixo. Nós temos un proxecto, queremos avanzar, queremos unha Vilanova diferente, que saia nos medios de comunicación polo que se fai, polo que somos.

Para esta entrevista elixiu destacar o feminismo citando a Carmela Silva. E agora fala de titulares sobre Vilanova, supoño que está latente a condena ao alcalde...

... por machismo.

Nós nunca lle cortamos a fala a Gonzalo Durán. Que o goberno non nos conteste é unha falta de democracia, porque non se contesta a un grupo que foi elixido polos veciños

Cre que debera ter dimitido?

Iso quen o decide é a Xustiza e a xente nas urnas. Se queren a un machista gobernando o Concello, pois aí o teñen.

Se despois das eleccións non houbese maioría absoluta, con quen estarían dispostos a negociar posibles pactos?

Non imos falar de pactos nin de nada. Nós imos gañar. E, despois, según queden os resultados, teremos que analizar. Pero o PSOE vai gañar... Levamos un grande equipo, con dúas mulleres en cabeza (a súa número dous é Sheila Ferreira) seguidas de moita xente con boas características para gobernar.

Pero se non hai maiorías, falarían por exemplo con Renova?

Eu xa digo que son unha persoa moi faladora, falo con todo o mundo. Tamén falo con Gonzalo (Durán), con todos. Como din os vellos, a palabra quítase cando un morre.

Pódenos facer un resumo dos principais puntos do programa da súa candidatura?

A grande idea que levamos é referente a que nós somos un pobo mariñeiro, cos sectores marisqueiro, bateeiro e pesqueiro. É unha cousa que non se ve, pero fai moita falta, como é renovar o saneamento de Vilanova, pero completamente. Separar as augas pluviais das fecais, sacar todos os colectores que hai no mar e ríos e metelos por outros lugares, para que iso non se solte á nosa Ría. Logo, nós imos falar coa xente de Vilanova para as súas necesidades, cumplirllas. Non imos facer megaproxectos nin cousas que a xente non necesita. Un dos proxectos mellores é oír á poboación, que diga o que quere e o Concello, facelo.

Referente ao colector das Patiñas, é Costas a que non permite renovalo co mesmo trazado.

O tanque de tormentas si se pode facer. Despois, habería que desviar o colector uns metros máis arriba. Eu, de feito, estou en contra de poñelos na liña de costa, porque poñen unhas bocas de saída que van para a Ría cando hai un atasco ou unha avaría. Se ti o sacas de onde está o mar e se ve unha vertedura, vala arranxar. En cambio, sempre que hai un vertido cara o mar, soluciónase un pouco máis tarde, porque o mar trágao.

Ve viable a opción que plantexa Costas?

Hai un proxecto no que vai perfectamente o sumidoiro para Cambados un pouco máis arriba do que vai agora. O que non se pode é empeñarse un en facer as cousas onde lle din que non se pode. Hai que sentarse co Estado. Eu non sei se este Concello foi a Madrid... Cartos hai. O que non hai é vontade de solución.

Carmela Silva, un “referente do feminismo”
A candidata elixe á presidenta da Deputación e do PSdeG, Carmela Silva, como referente para esta entrevista. Faino convencida de que “na comarca ninguén reivindicou tanto o feminismo e, grazas a ela, moitas mulleres coma min demos o paso de presentarnos para alcaldesas ou outro tipo de postos”. É “un referente” que axuda “a dar os pasos”. Foi, ademais, “a primeira muller presidenta da Deputación, do PSOE” e “eu vou ser a primeira socialista muller alcaldesa de Vilanova”. No feminismo cre que “falta moito traballo por facer. Hai moito machismo”. Particularmente, “no ámbito no que veño traballando”, no mar, “hai moitísimo”, ao igual que “en todos os ámbitos do Estado”. Por iso, defende que “o feminismo hai que dalo nos colexios”.

[... e mañá, entrevista a Gonzalo Durán, candidato do PP á reelección en Vilanova]