
Villareal, Zaragoza, Atlético de Madrid ou Betis son algúns dos equipos que participarán no Torneo Internacional Congalsa de Fútbol Base Concello de Ribeira, a favor da fundación Aladina, que terá lugar os días 20 e 21 de maio. Un evento deportivo de altísimo nivel que reunirá a 53 equipos, 27 na categoría alevín e 26 na benxamín, para recadar fondos para Aladina, que proporciona axuda e apoio a nenos e adolescentes enfermos de cancro e ás súas familias.
Onte tivo lugar a presentación do evento, que contou coa participación do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; o xefe territorial Roberto García; Isabel Cañas, directora de relacións externas de Congalsa, patrocinadora do evento; Julio Mariño no nome da organización; e o alcalde Manuel Ruiz.
Tamén estarán representados clubs como Oporto, Braga, Benfica e o Entente Sportive Bouaffle de Francia. A nivel galego haberá equipos das catro provincias, entre eles o Lugo, o Deportivo, o Celta, Pavillón Ourense, e diversos equipos do Barbanza, comezando polo Cidade de Ribeira, club colaborador.
Mariño subliñou que o principal obxectivo desta iniciativa é axudar á fundación Aladina, aínda que tamén implicará un retorno económico para a zona, ata o punto de que dende fai tres meses que case todos os hoteis da contorna están completos nesas datas. Mariño agradeceu o apoio de Congalsa e o resto de patrocinadores, entre eles Ramiro Carregal que tamén quixo colaborar a título persoal e non puido estar presente no acto de onte.
Isabel Cañas manifestou que dende Congalsa non se dubidou en apoiar este evento, posto que combina os valores desta empresa, como o traballo en equipo, a solidariedade e a actitude positiva, na confianza de que con esa combinación o torneo vai ser un éxito absoluto.
José Ramón Lete subliñou a aposta que dende Ribeira sempre se fixo polo deporte, e manifestou que dende a Secretaría Xeral para o Deporte se intenta corresponder, por exemplo organizando eventos como o celebrado o pasado luns coa gala do Premios do Deporte Galego 2019-2022, ou cofinanciando o módulo cuberto de atletismo e artes da Fieiteira licitado a semana pasada, respecto do que hoxe mesmo un total de 13 empresas interesadas visitaron as instalacións.
Tamén mostrou o propósito de seguir apoiando este torneo internacional, que despois de seis edicións (o ano pasado celebrouse en Boiro) está consolidándose como un dos máis importantes de fútbol base de Galicia. Tamén fixo unha referencia especial aos patrocinadores, como Congalsa ou Ramiro Carregal.
Manuel Ruiz agradeceu á organización que pensara en Ribeira para organizar esta proba internacional, que ademais ten un importante fin social. “Torneos como estes sensibilizan á poboación e nós como Concello esperamos tamén estar á altura e faremos unha doazón individual”, dixo, ademais de resaltar o papel dos patrocinadores como Congalsa ou Ramiro Carregal.