
Cristina Oreiro García (Berna, 07-01-1993) ten un prometedor futuro como adestradora no fútbol profesional. Os resultados e o bo xogo do Viaxes InterRías FF, que mañá recibe ao Real Madrid B en San Pedro (17 horas) co liderato de Segunda RFEF en xogo, así o constatan. Non é casualidade, senón froito dun traballo metódico e unha forma de entender o xogo. No ano 2021 a adestradora nacida en Suíza pero criada en Oseiro (Arteixo) conquistou a liga de Primeira Nacional co Victoria coruñés. En Sanxenxo o obxectivo é outro, pero logo do primeiro tercio do campionato o equipo está invito e recibe eloxios dos rivais polo súa atractiva proposta.
Está a ser unha semana diferente polo partido contra o filial do Real Madrid do sábado?
Non. É unha semana normal. Non lle queremos dar máis importancia porque son tres puntos como os da semana anterior. Sabemos que a nivel emocional é diferente xogar contra o Real Madrid aínda que non fosen de líderes. Pero para nós é un partido máis.
Foron doce incorporacións as que chegaron ao equipo e un novo corpo técnico este verán. Sempre é necesario un período para acoplar as pezas e as novas ideas. Por que cres que neste caso conseguistes en tan pouco tempo un bo xogo e resultados positivos?
É algo que non sei se poderiamos repetir noutro escenario. Aínda así creo que queda moito traballo por facer. Por dicir algo, destacaría o claro que temos como queremos facer as cousas. Na primeira reunión coas xogadoras, nas que elas case se asustaron, xa lles dixemos como queriamos xogar, que queriamos facer cando tiveramos o balón e cando non. Supoño que no corpo técnico temos tan claro o que queremos que foi doado dicirllo. E logo foi o que fixemos todos os días dende que nos vimos. Non cambiamos absolutamente nada, nunca. Iso dache unha facilidade que noutros contextos non se ten. Eu sei como vexo o fútbol e pode ser que a algunha xogadora non llo sepa transmitir á primeira e terei que insistir ou explicarme mellor, pero a mensaxe é sempre a mesma.
Téndelo tan claro que o sistema de xogo con tres defensas é inamobible...
A nivel estrutural é o máis difícil de facer. Dende fóra parece que é fácil, que as xogadoras de fóra se manteñan moi abertas, que as nosas centrais ou as medios cando van fóra non se abran en exceso...Iso é o máis difícil de facerlles ver ás xogadoras. Logo as directrices son básicas. Por exemplo, a nivel ofensivo dicímoslles que dean o pase fácil, o pase con menos probabilidade de perda.
Pero todo depende da toma de decisións das xogadoras con balón...
Claro. Nos adestramentos sempre mesturamos estruturas, onde teñan vantaxe númerica, posicional ou de calidade individual, que é a que xeran elas no un contra un. Ao cruzar estruturas elas teñen que tomar decisións e identificar á xogadora libre. Nós dicímoslles que dean o pase fácil á xogadora libre, pero son elas as que a teñen que identificar. No InterRías unha xogadora está pensando moitas cousas á vez que noutros equipos non están pensando. Iso xera moita fatiga. Nós non lles radiamos a quen lle teñen que dar o balón, son elas as que interpretan coa información que lles damos e toman as decisións. Hai cousas que facemos mal, pero hai outras que facemos moi ben e tan rápido por mérito das xogadoras.
Se a xogadora non ten certa intelixencia para ler o xogo o ten complicado entón...
Efectivamente. Eu dígoche onde están as ventaxas en función de como nos aprete o rival, pero eres ti a que tes que interpretalo. Pódese adestrar, pero dependemos en gran medida de que a xogadora sexa intelixente para interpretar o xogo e teña a calidade técnica individual para ter ese tempo para pensar sen perder o balón.
Como é a relación no corpo técnico?
Pasamos moito tempo xuntos. Eu vivo en Santiago. Adrián Sardiña e Miguel Villar (segundo adestrador e preparador físico) veñen dende Coruña. No coche pasamos dúas horas ao día e sempre estamos a falar do equipo, do que pasa nos partidos, dámoslle moitas voltas. A principio da semana facemos unha reunión na que está César Pazos (adestrador de porteiros). E cada dous meses tamén nos reunimos co nutricionista, fisio, readaptadora e masaxista, para falar de como están as xogadoras. A miña relación con Guille, Lume, María, Joakin, Mariña e José tamén é moi boa. Gústame traballar en global e escoitalos. A visión e a opinión de todos para min é importantísima porque faime crecer como adestradora e que poida tomar as decisións con moita máis información.
Xogaches en equipos como o Friol ou Deportivo. Que tipo de futbolista eras?
Destacaba por non dar ningún balón por perdido. Era esixente nesa faceta. O esforzo é chave. Creo que era unha xogadora polivalente. Antes da lesión creo que foi o meu mellor ano, no Friol. Xogaba por dentro e tiña bastante percorrido. Fisicamente tiña moito esforzo, ía ben de cabeza...digamos que non era un dez en nada pero era un notable en case todos os aspectos e por iso case sempre fun titular.
Sempre se fala de aproveitar a experiencia de ter sido xogadora para adestrar. No teu caso xa adestrabas cando aínda xogabas e usabas esa información para ser mellor...
Adestrar e coñecer o xogo fíxome mellor xogadora. Sabía o que tiña que facer, que era recuperar o balón e darllo á talentosa. Cando tiven que deixar de xogar polas lesións e só adestrar, sentíame cen por cen activa no fútbol, non me cambiou a forma de velo. Sígoo vendo como cando tiña 18 anos, que foi a primeira vez que empezei a adestrar na canteira no Atlético Arteixo.
Unha das cousas máis complicadas para un adestrador é a xestión de grupo. Como levas iso?
É sin duda o máis difícil. Hai adestradores que son moi bos nesa faceta pero logo non entenden tan ben o xogo e viceversa. No meu caso o que fago é ser sincera para ben e para mal. Non lle vendo ningún discurso a xogadora. As vinte son distintas e non lle podes falar no mesmo ton a todas. Os principios básicos son non mentir e tratalas de forma diferente, que non desigual. E ter claro que o equipo é sempre o máis importante, o que necesita o grupo sempre está por enriba de calqueira individualidade. Sei que non lle podo gustar a todas e tampouco o pretendo.
Ves similitudes na forma de xogar e competir do InterRías co Victoria que gañou a liga de Primeira Nacional?
Si as vexo. O modelo de xogo é o mesmo. Pero non teño as mesmas xogadoras, para ben ou para mal. O que tiña no Victoria que non teño aquí e que alí estaban acostumadas a ter o balón porque o modelo de clube na canteira básase niso. Non tiven que convencelas, xa estaban convencidas. Aquí tiven que facerlles ver que este modelo de xogo nos levaría a gañar partidos. E se non nos leva haberá que cambialo.