
Ribeira presentou como cada setembro unha nova edición das probas máis consolidadas do panorama das carreiras populares da contorna, a XXVI Carreira Popular Santa Uxía - II Memorial Miguel Ruiz. Na presentación estiveron presentes o edil de Deportes, Xabier Vidal, a presidenta da Asociación de Veciños de Carreira, Marivén Sampedro, e Javier Sampedro, técnico de Deportes do Concello.
“É unha das probas deportivas máis importantes do noso Concello e das máis lonxevas”, destacou Xabier Vidal, quen anunció que se desenvolverá o vindeiro sábado 27 na explanada do Malecón. Esta proba forma parte do circuito provincial da Deputación da Coruña, e tamén dos curcuítos de carreiras de Barbanza Arousa.
Mantense o circuito de anteriores edición, polo que por un lado, na categoría absoluta serán 10 quilómetros con saída no Mercado Municipal pasando pola meta do Malecón e facendo o xiro de cara a Coroso. Un percorrido de cinco quilómetros que se fará dúas veces.
Haberá premios para o primeiro, segundo e terceiro clasificado tanto na categoría masculina coma femenina con 300, 150 e 90 euros respectivamente. A data límite de inscripcións é o mércores 24 de setembro ás 23:59 horas. Sampedro animou á participación así coma a compresión dos veciños polo corte do Malecón.










