A beleza do interior galego é perceptible tamén ao trote dos cabalos dos automóbiles
O programa de Turismo ‘Que facer’ propón 14 rutas en coche polo centro da comunidade, especialmente por Ourense e o sur de Lugo. Sete permiten coñecer zonas que no verán quedaron afectadas polo lume

A oferta, por que non dicilo, é infinita, pero desta vez Turismo de Galicia anima a darse, unha non, catorce voltas polo interior galego ao trote dos cabalos dos automóbiles para coñecer o que dá en chamar ‘Vales, ríos e montañas’. Forma parte de ‘Escenarios ao volante’ que, baixo o epígrafe ‘25 rutas insólitas polas mellores paisaxes’, conta con dúas propostas: a xa mencionada e ‘Mar infinito’.
Esta última terá máis adiante no tempo o seu oco. Agora o que presta é falar de ‘Da Fonsagrada a Negueira de Muñiz… mar de nubes no val do Navia’; ‘De Navia de Suarna ás Pontes de Gatín… portos de Ancares’; ‘De Pedrafita do Cebreiro a Samos… a entrada do Camiño de Santiago’; ‘Da Cruz do Incio ao miradoiro da Pena do Teso Grande… O Courel dos ‘eidos”; ‘De Chantada aos Peares… A Ribeira Sacra do Miño’; ‘De Monforte de Lemos a Santo Estevo de Ribas de Sil… camiños heroicos da Ribeira Sacra’; ‘Da Veiga aos Penedos de Oulego… vales e serras do oriente galego’; ‘De Pobra de Trives ás Ermidas… herdanza romana nas terras do Bibei’; ‘De Montederramo a Manzaneda… a través do Macizo Central ourensán’; ‘Da Gudiña a Pradoalbar… a serra Seca e o val do Conso’; ‘De Aquis Querquennis á Portela do Home… herdanzas romanas na Baixa Limia’; ‘De Ourense a Ribadavia... baixando o Miño cara o Ribeiro’; ‘De Avión ao miradoiro das Tres Rías… do Suído ao Cando’, e ‘De Aciveiro a Carboeiro… os mosteiros do centro de Galicia’.
A iniciativa forma parte do programa ‘Escenarios ao volante’, que conta con dúas propostas de roteiros
Suxerencia
Porén, como o espazo si que non é infinito hai que escoller e o ‘anfitrión’ suxire visitar zonas que foron especialmente afectadas polos lumes o verán pasado: Larouco, Chandrexa de Queixa, Samos ou o propio Ourense. O tempo, neste caso, non está pautado.
Da velocidade con que se fagan depende do ritmo e da intensidade que se lle dea ao coche ou ás pernas. De Navia de Suarna ás Pontes de Gatín, as amplas extensións dos Ancares permiten realizar un completo percorrido polos seus portos e vales. De Pedrafita do Cebreiro a Samos, o camiño xacobeo que conectou a Galicia con Europa durante séculos ségueo a facer. Da Cruz do Incio a Pena do Teso Grande pódese constatar que O Courel é un dos territorios míticos de Galicia, a reserva natural e espiritual dos galegos. Da Pobra de Trives ás Ermidas contémplase como o río Bibei flúe pola provincia de Ourense ata empatar co Sil.
Experiencia para os sentidos
Pola súa parte, de Montederramo a Manzaneda transítase polo Macizo Central ourensán, o que supón toda unha experiencia para os sentidos. Da Gudiña a Pradoalbar a sorpresa é un territorio rexo e pouco habitado, e de Ourense a Ribadavia hai un percorrido, que combinando valores patrimoniais, naturais e estéticos, discorre por terras de herdanzas romanas e trazos climáticos mediterráneos. As persoas interesadas en recibir máis información sobre os roteiros pódeno facer a través da web turismo.gal/inicio.
De Navia de Suarna ás Pontes de Gatín... portos de Ancares
Lugar mítico da montaña galega, a súa natureza reloucante, orografía esgrevia e rico patrimonio etnográfico fan desta comarca unha visita obrigada do oriente. En Cervantes, por Donís e Vilarello, temos algunhas das meirandes concentracións de frondosas de Galicia.

De Pedrafita do Cebreiro a Samos... a entrada do Camiño de Santiago
Entre as diversas variantes o Camiño Francés é o máis coñecido, sendo O Cebreiro o punto de entrada en Galicia. Este itinerario comparte o percorrido das primeiras etapas galegas dunha das vías de peregrinación máis importantes do mundo.

Da Cruz do Incio ao miradoiro da Pena do Teso Grande... O Courel dos “eidos”
Coa súa biodiversidade, as montañas destas serras conforman algunhas das postais de maior beleza que se poden atopar neste recuncho do mundo. A paisaxe, desbordante de cores e matices, pertence á categoría de lugares irreais.

Da Pobra de Trives ás Ermidas... herdanza romana nas terras do Bibei
Partindo da Pobra de Trives, descéndese ata a Ponte Bibei, expoñente máxima da herdanza romana na zona e que aínda a día de hoxe facilita o paso a Larouco e Valdeorras na procura do sorprendente destino final: o santuario das Ermidas.

De Montederramo a Manzaneda... a través do Macizo Central ourensán
As impresionantes vistas das serras, as cores propias dunha suxestiva vexetación e o compás do silencio permiten realizar un relaxante percorrido por algunhas das paisaxes mellor conservadas da comunidade autónoma galega.

Da Gudiña a Pradoalbar... a serra Seca e o val do Conso
A sorprendente paisaxe convida a gozar transitando por vellos camiños de saída e entrada a Galicia. Parte do itinerario proposto de vagar, é aquel que coincide co da Vía da Prata, aquela que sobe á serra Seca coa mirada continua sobre os montes do Invernadeiro.






















