Máis de 4.400 persoas estudan galego fóra da comunidade co respaldo de Cultura
A Consellería impulsa o idioma noutras áreas territoriais como ferramenta para prestixiala

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, recordou que na actualidade hai máis de 4.400 estudantes de galego fóra da comunidade e reiterou o compromiso da Xunta “coa proxección exterior da lingua”. Entre as principais accións do departamento que dirixe cóntase o fomento da súa aprendizaxe e o impulso do seu uso noutras áreas territoriais, unha iniciativa que constitúe unha importante ferramenta para prestixiala”.
Para seguir esta iniciativa de primeira man, o responsable de Cultura visitou o Centro de Estudos Galegos a través do que se desenvolve o lectorado da Universidade de Barcelona, unha das institucións académicas que ofrecen clases do idioma máis alá de Galicia.
Conexión cultural
O representante do Executivo autonómico explicou durante a sua visita que accións como a que se desenvolve no campus barcelonés están encamiñadas “tanto a manter a conexión cultural coas comunidades de galegos residentes no exterior, ben no resto de España ou noutros lugares como Europa ou América, como a oferecerlle a calquera outra persoa interesada a oportunidade de achegarse á nosa cultura e á nosa lingua”.
Neste senso, López Campos, lembrou que actualmente o galego é obxecto de estudo en 41 universidades, nove delas en territorio español, con 407 alumnos distribuidos entre Barcelona, Madrid, Vitoria, Bilbao, Alacante, Estremadura e Granada. Outros 1.000 estudantes están vencellados aos lectorados de vinte e dúas institucións académicas que están localizadas en diversos puntos de Europa, máis en concreto en Alemaña, Austria, Croacia, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia e Suíza. A todo isto hai que sumar os oito que se desenvolven en América, situados en Arxentina, Brasil, Cuba e Estados Unidos e aos recentemente creados nunha universidade da India e noutra de Mozambique.
Colaboración institucional
Ademais dos lectorados, López Campos indicou que “desde o Goberno autonómico colaboramos estreitamente con outras insititucións que nos permiten fomentar o ensino e a presenza da nosa lingua en moi diversos puntos do mundo”.
O responsable de Cultura da Xunta referiuse así a entidades de recoñecido prestixio como son o Instituto Cervantes, as Casas de Galicia e os Centros Galegos, que neste 2025 reúnen nos seus programas de formación 950 persoas.
Neste punto, fixo fincapé nos últimos fitos, como o inicio hai uns meses, por primeira vez, de cursos de galego no Instituto Cervantes de Nova York, unha iniciativa que conta co apoio do Executivo galego.
Puntos estratéxicos
O conselleiro tamén sinalou algúns “puntos especialmente estratéxicos para a aprendizaxe do galego onde se mantén viva tanto a lingua como a nosa cultura”.
Trátase, dunha banda, da iniciativa do Goberno leonés, apoiada pola Xunta ao abeiro dun protocolo de colaboración asinado en 2006 para potenciar os estudos de galego de carácter voluntario, na ensinanza non universitaria nas localidades de O Bierzo e Sanabria.
Esta formación nestas zonas limítrofes con Galicia e máis outras áreas da comunidade veciña contan cada ano con máis estudantes, chegando a participación a 1.500 alumnos en centros de Educación Infantil e Primaria, Institutos de Secundaria, ademais de nunha Escola de Idiomas.
Doutra banda, López Campos, referiuse ao Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires, onde medio millar de alumnos afrontan varias das súas materias en lingua galega.
O responsable da Consellería de Cultura lembrou que se trata dun recoñecido centro educativo que conseguiu hai uns meses converterse en Centro de Convenio, dependente do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, unha categoría que o Goberno central levaba quince anos sen outorgar.
A este hai que engadir o Instituto Vicente Cañada Blanch de Londres, onde a matrícula en lingua galega superou por primeira vez o medio centenar de persoas, acadando os setenta e cinco alumnos.
A proxección exterior da lingua é a temática dunha comisión para a renovación do plan de normalización
Pacto pola lingua
A proxección exterior da lingua, facendo fincapé no seu fomento noutras áreas onde se fala ou existe un alto grao de coñecemento, como son as zonas limítrofes con Galicia ou mesmo Europa e América, figura como unha das temáticas específicas das comisións que levan traballando nos últimos meses para levar a cabo a renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que está a desenvolver a Xunta no marco do Pacto pola Lingua.
Neste senso, as mesas, conformadas por expertos de recoñecido prestixio, céntranse tamén en ampliar esa presenza no exterior tirando proveito dos vínculos coa lusofonía para poñer en valor, sobre todo entre a mocidade, os beneficios que ten falar galego polo súa proximidade co portugués, ademais de continuar apoiando a acción das colectividades galegas noutros países e a colaboración con universidades de todo o mundo a través dos dos lectorados para impartir lingua e cultura galegas, vencellados á creación de Centros de Estudos Galegos.
Actualmente o galego é obxecto de estudo en 41 universidades, nove delas en España, con 407 alumnos
Ademais, a Xunta convoca cada ano en Ponferrada, os exames Celga, que certifican o coñecemento do galego e que resultan unha ferramenta fundamental para acreditar o dominio da lingua.
Paul Melton - Nueva York
No Instituto Cervantes de Nova York, Paul Melton é un dos participantes nos cursos en galego apoiados pola Xunta. As clases céntranse en igual medida na lingua (gramática, fonética, ortografía) e na cultura (historia, literatura, música, tradicións e costumes, cinema). “En cada clase, repasamos a materia previa e presentamos temas novos que reforzamos a través dos deberes asignados para a seguinte clase”, explica o alumno.
Este mestre de profesión explica que polas clases pasaron ata o momento “un profesor, unha xornalistas, un avogado que traballa nunha empresa de seguros, unha funcionaria municipal, unha secretaria, e un profesor universitario (eu)”. “Todos tiñamos algún vínculo con Galicia e viaxaramos por Galicia antes; por iso, esperabamos aprender máis da historia e a cultura galegas e mellorar a nosa capacidade para entender, escribir, e falar o idioma”, sinala.
Todos os alumnos da miña clase saímos moi contentos coa experiencia e moi motivados”
A valoración que fai das clases é moi positiva “todos os alumnos da miña clase saímos moi contentos coa experiencia e moi motivados para seguir mellorando e profundando o noso coñecemento da lingua e a cultura galegas. Creo que o obxectivo foi fomentar o interese no galego e o curso conseguiuno”, valora á vez que destaca que “sen dúbida” estas iniciativas contribúen a revitalizar a lingua ó tempo que sinala a extensa lista de libros en galego que leu desde entón.
Bonifacio Luis - Mozambique
O pai Bonifacio é o encargado de levar o galego a un recuncho tan afastado como Mozambique. O lector destaca “que o galego e o portugués son linguas cunha orixe común e unha gran similitude” así que o que hai que “ensinar a un falante de portugués sobre o galego é diferencialas na fonética e na ortografía.
“Dominar estas diferencias fonéticas e ortográficas permite ao estudante adaptar a súa pronuncia e ler textos en galego con maior precisión, desbloqueando instantaneamente a gran cantidade de vocabulario e gramática compartidos” destaca.
O alumnado demostra un grande interese, e cumpre co obxectivo de ser unha ponte cultural”
As súas clases frecuéntanas “académicos e estudantes, en concreto, profesores e alumnos de Lingua Portuguesa, Historia ou Ciencias Sociais”. “Algúns alumnos da universidade, desde o ano 2020, anualmente, visitan Galicia, especialmente, os que van en peregrinación a Santiago”, engade.
O lector destaca que “está a ser unha experiencia fundamental para a internacionalización da lingua e cultura galegas. O alumnado dos cursos demostra un grande interese, e cumpre co obxectivo de ser unha ponte cultural”, analiza. Aínda que considera desexable contar con máis recursos “para poder atender a crecente demanda”, aínda que a avaliación xeral é moi positiva destacando o seu valor como ferramenta de difusión cultural e lingüística.
Anik Nandi - India
Anik Nandi, “un galeguista con unha traxectoria de traballo académico”, esta á fronte na India da iniciativa. O responsable do primeiro Centro de Estudos Galegos en Asia puxo en marcha o proxecto en Hyderabad, no centro da India, a máis de 8.500 quilómetros de Galicia e na Woxsen University, unha entidade privada cun “líder dinámico como Raúl Vilamarín, que considera que se pode xuntar a cultura con outros aspectos sociais”.
Neste sentido, Nandi destaca a “importancia de dar a coñecer unha cultura como base para ensinar a lingua”. “Entre os nosos alumnos hai unhas trescentas persoas que estudan español a nivel moi básico, e aproveitamos este interese para involucrar, primeiro, a cultura galega na aula”, sinala o profesor que explica o seu empeño en introducir a idea de que existe un legado cultural español moito máis rico do que supoñen e do que Galicia é parte.
É importante dar a coñecer a cultura aos alumnos como base para ensinar unha lingua”
Este labor compleméntase coa apertura do espazo aos galegos que se atopan pola zona. “Organizamos unha feira de literatura na que tentamos crear conexións entre as linguas minoritarias indias e a galega, aí veu unha poeta amiga que se atopaba de paso e fíxonos unha visita, trouxo a pandeireta e tocounos unhas muiñeiras”, explica á vez que destaca a importancia de crear redes con Galicia e entre os distintos centros de ensino do galego e de contar co maior apoio institucional posible.